Opinión

Cubrir o planeta coa palabra igualdade

ESTA FOLGA do 8 de marzo é un canto de igualdade e liberdade para a humanidade. É unha folga necesaria, imprescindible. É unha mostra do que xa non estamos dispostas a vivir nun mundo que non conta con nós.

Un mundo no que a fenda salarial entre mulleres e homes, en Galicia, é do 22%. Un mundo no que as nosas pensións son 40 puntos por debaixo das dos homes. Un mundo no que, pese á nosa preparación, pese ás nosas cualificacións, non quere vernos en situacións e postos de poder. De feito, se atendemos ás diferentes ocupacións e sectores, os datos son arrepiantes…

O 52% das persoas na carreira xudicial son mulleres e, sen embargo, somos minoría na cúpula xudicial, concretamente, o 11,6% no Tribunal Supremo. No sector da cultura a desigualdade entre mulleres e homes amosa unha desproporción que chega a traducirse en porcentaxes do 90% para os homes fronte ao 10% para mulleres. No xornalismo, onde as mulleres somos o 64% das persoas graduadas e, sen embargo, ocupamos o 10,9% dos postos directivos dos medios e a nosa voz soamente ten presenza no 20% das columnas de opinión. Tamén temos presenza residual no poder. En Galicia hai 4 mulleres nun goberno de 11 conselleiros e o 11,7% dos concellos están gobernados por alcaldesas. Soamente hai unha presidenta dunha Deputación, a primeira en 40 anos… E na administración pública, na cúpula do funcionariado, as mulleres soamente ocupamos o 23% dos postos de responsabilidade no Estado. ¿E que dicir do papel da muller na empresa? Pese a ser o 58% das persoas que nos graduamos en carreiras universitarias, pese a ter os mellores expedientes académicos, soamente ocupamos arredor do 20% dos postos directivos en España.

Pero, amais destes datos, o máis arrepiante é que ás mulleres estanos asasinando. Este ano xa van 4 mulleres máis asasinadas, o ano pasado foron 55, dúas delas galegas. Basta xa!!. Os datos obxectivos, as cifras falan por si solas. ¿Non son suficientes estes datos para explicar esta folga? ¿Pode alguén negar que esta é a realidade?. Como dicía Emmeline Pankhurst "Os feitos, non as palabras, cambian as cousas". Por iso as mulleres no mundo tomaron as rendas do seu futuro. Un gran manto está sendo tecido para cubrir o planeta coa palabra igualdade.

Este 8 de marzo vai quedar na memoria da humanidade como o día no que as mulleres decidiron, unha vez máis, alzar a voz e ser protagonistas da loita pola igualdade

Este movemento das mulleres persegue construír unha sociedade para todas e todos. Queremos un sistema no que teñamos os mesmos dereitos cos homes: mesmos dereitos salariais e laborais, mesmas posibilidades de estar nos postos de dirección, mesma liberdade para elixir a nosa identidade e liberdade sexual, mesma capacidade para desenvolver as nosas profesións, que as actividades de coidado sexan compartidas por homes e mulleres, que se arranque das nosas sociedades as violencias machistas que padecemos. En definitiva: queremos a metade de todo porque somos a metade da poboación. ¿Non son todas estas reclamacións argumentos máis que claros para facer unha folga de mulleres? Como dicía Christabel Pankhurst, "non debemos perder máis tempo, temos que actuar".

Queremos que se visibilice ás mulleres que tanto teñen aportado no ámbito da ciencia, da investigación, da economía, da política, da cultura… Queremos libros de texto nos que a nosa presenza sexa reflexo da verdade que leva ducias, centos de anos ocultada por unha sociedade organizada por homes que non deixa coñecer a grandes mulleres que fixeron grandes aportacións á sociedade ao longo de toda a historia da humanidade. Mulleres como Hipatia de Alejandría, Exeria, Marie Curie, Nélida Piñón, Federica Montseny, Maruja Mallo, Margaret Wilcox, Anna Connelly, Lily Alvarez, María de Maeztu, Virginia Woolf, Rosalía Mera, Isabel Barreto… Todas elas e tantas máis. ¿Onde están as biografías e as aportacións desas mulleres e os avances que teñen aportado á humanidade?. Ocultados, silenciados, invisibilizados. ¿Non é razón suficiente para que nesta folga as destaquemos e reivindiquemos? Como dicía Elisabeth Cady Stanton, "a prolongada escravitude das mulleres é a páxina máis negra da historia da humanidade".

Queremos un mundo onde non lle teñamos que dicir ás mozas que non vaian soas pola noite, onde non lles teñamos que comprar xoguetes as nenas que manteñan os roles chamados femininos, onde saiban que non teñen que soportar as vulgaridades que escoitan polas rúas, que non hai que aguantar ningún tipo de acoso… ¿Non son razóns suficientes para facer unha folga que é tamén un chamamento contra estes comportamentos machistas?. Razóns. Razóns. Ducias, centos de razóns. Porque como moi ben dicía Flora Tristán "todas as desgrazas do mundo proveñen do esquecemento e o desprezo que ata hoxe se fi xo dos dereitos naturais e imprescindibles de ser muller".

Este 8 de marzo vai quedar na memoria da humanidade como o día no que as mulleres decidiron, unha vez máis, alzar a voz e ser protagonistas da loita pola igualdade, que tanto ben lle fará á humanidade. Queremos desmontar un sistema que ten a súa base na desigualdade e o queremos facer nós, as mulleres.

Parafraseando a Audre Lorde "non desmontaremos a casa do amo coas ferramentas do amo". Así que esta folga é a nosa ferramenta para desmontar a desigualdade.

Viva o 8 de marzo!

Comentarios