Opinión

Plans de recuperación e vaidades de multimillonarios

Volves a vista cara atrás e decátaste que a vida segue. Incluso se non estás. A terra xira ao mesmo ritmo. E os humanos mantemos os medos de sempre. E os mesmos intereses por medrar e por acadar prestixio social por riba de calquera outra consideración. Somos como somos e non hai volta que darlle. Non hai quen reflexione, tanto nos medios impresos como nas redes sociais, as universidades ou os clubs de opinión, que acontecerá cando Europa deixe de xirar recursos aos países que o necesitan no formato Next Generation UE, Plans de Sostenibilidade ou mesmo os programas Reactiva, promovidos polo goberno da nación, porque hai que ter en conta que os recursos económicos son tan finitos como os humanos. Cando o Banco Central Europeo planifique unha subida de intereses, cando as bolsas aterezan de frío e o sistema amose unha debilidade estrutural que lle impida enderezar o rumbo, ¿que pasará? ¿Estamos preparados para enfrontarnos a esta nova realidade? ¿Que nos agardará? ¿Cales serán os sectores económicos e industriais que medrarán coa crise? ¿Seguirán sendo o alimentario e o farmacéutico? ¿Cara onde tirará España? ¿E Galicia? ¿Temos a clase política e empresarial preparada para atender estes desafíos? ¿Están as universidades atentas ós novos acontecementos e actúan en consecuencia? ¿Está o goberno autonómico planificando xunto coas empresas un novo formato de formación profesional dual que permita ao alumnado ó tempo que estuda teoría combinalo con prácticas remuneradas en empresas? ¿Estamos preparados? ¿Estámonos preparando?.

Os gobernos están preocupados, e non podía ser doutra maneira, ao non contaren con cartos na caixa. As empresas, nun país que se mudou ó sector servizos, non teñen a actividade que lles permita xerar riqueza e pagar os impostos que correspondan as facendas que llelo soliciten. Se non existe actividade empresarial, sómente o gasto público realizado polas clases funcionariais non será o motor que mova o país. Ponse na boca de Santo Tomás de Aquino, tamén dalgún outro santo, hai que dicilo, que en tempos de turbulencia non se debería facer mudanza, pero neste caso que estamos a vivir, precisamente en tempos de turbulencia, os cambios son necesarios. Sen eles, sen contestar ás preguntas arriba mencionadas, non poderemos avanzar e os países pobres, aqueles que non contamos cun tecido empresarial sólido, sentiremos todo o peso do porvir, sexa o que sexa. Vivimos unha quinta onda enchendo de novo as camas dos hospitais e as UCIS acomodan xente nova no seu interior, retornamos as vellas medidas para parar a evolución da pandemia da maneira que se sabe: illamento, vacinación e medidas de hixiene que eviten a propagación do virus. E, ¿nas empresas?: Mentres tanto a excentricidade dalgúns multimillonarios programan viaxes de 10 minutos ao espazo e aproveitan no seu regreso para dar 100 millóns de euros a fundación dun cociñeiro español asentado en USA, como exercicio para sacarse a estupidez da vaidade que representa ser inmensamente rico nun mundo enfermo de pobreza onde non chegan as vacinas para todos.

Comentarios