Opinión

Os touros de lidia

SEMELLA QUE escreber na Galiza sobre os touros de lidia é un tema sen importancia algunha xa que non lle interesan aquí a ninguén. Parecería que estamos falando á marxe de todas as cuestións de certa relevancia social. Precisamente por esa razón é moito máis rechamante que, por necesidades de homologación cos hábitos culturais da España cañí, tamén absolutamente residual, haxa aínda espectáculos taurinos no noso territorio. Pero hai un aspecto desta cuestión –ao igual que outras de natureza social– que sobarda o exame primeiro do seu contido en expresión directa, a propria tourada, ou o seu significado material, nos festexos. Referímonos ao aspecto simbólico que toda manifestación social contén sen que case se perciba de forma inmediata.

Nesta orde de cousas poderíamos, por riba e por fóra do simples feito do sacrificio animal con espectáculo, examinar os outros contidos que contribúen a seu mantemento. Comezando polos asistentes ás touradas: acoden, por tradición, desde o rei emérito, pasando por parte da súa familia, seguindo por autoridades civís, militares e relixiosas, continuando por folclóricos e artistas vinculados, e rematando por actores e actrices mesmo hollywoodenses que aínda non perderon o verniz da estepa. O elemento demostración xoga o seu papel: queda non só lexitimado o acto social senón que tamén se contribúe á súa perpetuación porque, se asisten os que, por poderío, poden elixir, dan a entender que terá algo bon, interesante ou desexábel. A primeira parte do elemento simbólico de que falamos máis arriba está logrado. Se en lugar dos asistentes sinalados só acudisen os marxinais sociais que non suscitan nengún interese da prensa couché e mais da que anda no mesmo terreo, non habería garantía algunha de perpetuación do tal fenómeno taurino.

Referímonos ao aspecto simbólico que toda manifestación social contén sen que case se perciba de forma inmediata


Se continuamos co noso exame de elementos que buscan a perpetuación das touradas, están as componentes estéticas. Neste caso existen comentaristas da chamada fiesta que, nunha linguaxe especial criada ao efecto, de modo críptico, é dicer, só para entendidos, resaltan os elementos estéticos únicos. Aí atoparíamos desde as cores da area, á figura do toureiro e o seu traxe, coa atribución simbólica ás súas cores, igual que noutras liturxias teatralizadas, pasando polas vestimentas do público asistente e polo ton da praza nese momento, citando así mesmo o papel do animal con maior ou menor sentido do seu rol no teatro de operacións, e finalizando polo desempeño de funcións da presidencia da tourada. Como citamos de pasada o papel dos comentaristas, hai que se lembrar da importancia dos especialistas que nos medios de comunicación viven case da existencia da chamada fiesta: este elemento serve para contribuír á perpetuación do pasado, na medida das súas posibilidades.

A economía da fiesta: ese é, en Iberia, o verdadeiro núcleo da cuestión. Unha parte de criadores, outra de empresarios de prazas, outra da administración pública, outra dos empregados directos e indirectos, máis os inducidos, compoñen unha armazón económica moito máis complexa en intereses materiais, mais alá do símbolo e do que se chama, vulgarmente, cultura.

Comentarios