Opinión

A esquerda

O 25 de novembro cumpríronse catro anos da morte de Fidel Castro. Dende a Bolivia na que vivo, o expresidente Evo Morales rendeu homenaxe ó que considera un dos "homes máis solidarios e de gran humanidade", afirmando que o seu legado é un exemplo de "xustiza social". En España, coincidindo coa morte do arxentino máis famoso, Izquierda Unida louvou deste xeito ó líder cubano: "Ata sempre, comandantes. Sempre Maradona. Sempre Fidel". Máis revelador resulta outro chío que publicara Alberto Garzón (coordinador federal do devandito partido e ministro de Consumo) ó morrer Castro, pois falaba dun "referente das causas dos oprimidos".

As afirmacións de Morales ou Garzón son sesgadas xa que, por exemplo, na primeira etapa da ditadura castrista os homosexuais foron obxecto dunha teimuda persecución: centos deles acabaron en campos de traballo forzado (baixo a acusación de ser "contrarrevolucionarios"), e outros exiliáronse. "A nosa sociedade non pode dar cabida a esa dexeneración", sentenciou Castro, inchado de testosterona, en 1963.

É xusto valorar os froitos da Revolución Cubana (a aposta pola educación e a sanidade pública), e non deberiamos pasar por alto a corrosiva conspiración de EE.UU. contra a illa. Pero presentar a Castro como un garante da liberdade constitúe todo un paradoxo, pois, alén da devandita homofobia, o Estado comunista cubano, por unha banda, aínda hoxe monopoliza os medios de comunicación, aplicando unha férrea censura; e, por outra banda, ten castigado sistematicamente con penas de cárcere cidadáns que pensaban dun xeito distinto ó establecido. Algúns deses disidentes foron ademais violentamente represaliados. O punto de inflexión da relación entre a intelectualidade mundial e a ditadura castrista marcouno o encarceramento, en 1971, do poeta, catedrático e xornalista Heberto Padilla. Este incidente provocou que máis de setenta figuras internacionais das letras (Cortázar, Sartre, Fuentes…) firmasen unha carta denunciatoria a Castro.

Se a esquerda denota progreso, un seguidor desta ideoloxía debería opoñerse —dende unha óptica comunista ou socialdemócrata— a calquera expresión totalitaria. O poeta portugués Eugénio de Andrade (homosexual, por certo) dixo nunha entrevista: "A esquerda á que pertenzo rexeitará sempre a iniquidade e todas as formas de represión: terá en conta as novas realidades, non só do home co home, senón tamén do home coas cousas; redistribuirá con man xusta non só os bens da terra, senón tamén as verdades e os poderes. A esquerda á que pertenzo saberá que unha desas verdades é o corpo, que un deses poderes é o desexo. E nunca esquecerá que o home ten dereito ó pracer". Que lonxe están desas palabras algúns abanderados da esquerda actual!

Comentarios