Opinión

Maquiavelo en Ourense

Cada república galega ten a súa personalidade. A Coruña é inglesa e Lugo inclinada a todo o xermánico, Pontevedra ten inclinacións afrancesadas e Ourense é determinadamente italiana. Ninguén manexa o equilibrio entre a dramatización e o acordo como os políticos ourensáns. Presumín que deducira quen é Jácome. Explicoumo Hamlet: "Hai método nesta excentricidade". Nunca crin nesa tolemia do alcalde que tanto reconforta aos seus rivais como explicación ao exquisito talento político que os derrota. Dinme amigos de Ourense —Manuel de Lorenzo, Miguel Diéguez, Paco Sarria— que os votantes colleron as papeletas co seu nome a primeira vez como broma. Era unha queixa sen retorno fronte á zanfona monocorde da política provincial. E saíu elixido.

As súas formas como alcalde aumentaron a grandilocuencia e o ornato do antecesor, Manuel Cabezas; pero —volven dicir os amigos de Ourense— baixo as súas metáforas discursivas e o seu barroquismo xestor, os resultados eran o mesmo baleiro.

Os ourensáns volveron facilitar que gobernase. Nesta lexislatura quedou gobernando so por buscar gobernar en solitario. Dende o primeiro apostei a que sería alcalde todo o mandato nas timbas de póquer e os billares das Burgas e da praza que se desmaia cara á consistorial. O meu cálculo era que a única operación que sabía facer o resto de grupos municipais era restar. Non me daban as contas para un cambio na alcaldía. Os socialistas nunca entregarían a praza maior da provincia aos populares e os populares nunca cederían a capital da súa república a un condottiero socialista. Nunca imaxinei que o PP faría o salvamento e socorrismo de Jácome despois de que romperan o pacto de goberno. Maquiavelo dicía que tan difícil como convencer a un ourensán é mantelo convencido. 

Comentarios