Opinión

Bendita democracia!

Parece cousa de parvos dicir que é a mellor forma de goberno de sociedades avanzadas para xestionar a convivencia e resolver xuntos problemas comúns. Para decatarse da grandeza de tal sistema político abonda con botar unha ollada ao amplo páramo do planeta que non cultiva esta forma de goberno.

Tratar de impoñela con tanques produce dexastres como o de Irak, Libia, Siria. Ou Afganistán, tal como lemos en Los muchachos de zinc, de Svetlana Alexievich: miles de rapaces enganados pola xerontocracia soviétiva volveron a cemiterios rusos en brillantes caixas de zinc. Pouco queda da esperanzadora primavera árabe, intento fallido de democratizar ao estilo occidental sociedades do norte de África.

Luces e sombras. Democracias capaces do mellor e do peor como testemuñan bufóns excesivos, demagogos e populistas dos que temos abondosa colleita. Que o cultivo da democracia require tempo e sentido cívico resulta evidente cando contemplamos países que pasaron en poucas décadas de férreas ditaduras comunistas no leste de Europa a democracias. E de como, baixo o nome da democracia, oligarcas rapaces aproveitaron para apoderarse dos recursos públicos. Algúns deses países están agora nas mans de líderes autoritarios, xenófobos e iliberais que avergoñan a UE. A democracia tamén produce monstros. Non podemos esquecer que un rufián asasino, Hitler, chegou á cancillería aupado polos votos do pobo máis culto de Europa.

Bendita democracia! Por máis que aquí e para tanta xente fora un agasallo polo que pouco houbo que loitar. Xente nova que naceu, vive e medrará neste sistema coa mochila rebordante de dereitos, baldeira de deberes. O duro futuro ao que se enfrontan terá que lles abrir os ollos.

Temos un precario sentido cívico, unha democracia de baixa calidade coa vergoña de ter que tolerar aos intolerantes. Aínda seguen activas inextricables urdiduras clientelares que, mediatizando o voto popular, semellan pouco compatibles coa democracia. Como tampouco é bo síntoma da saúde democrática a situación vivida de corrupción político-económica que arroiba a unha sociedade incapaz de castigala.

O voto dun catedrático pesa o mesmo que o dun xubilado sen estudos. Teñen idéntico valor porque hai catedráticos fillos e netos de vellos aos que se lles negou toda posibilidade de formación. Estudaron abondo na universidade da vida para que os fillos poideran facelo en facultades de deseño. Ás veces, na democracia entran outros elementos tóxicos como o medo, a colonización dos medios polo poder económico, a estupidez programada nalgunhas televisións, a sementeira de fango nas redes.

A democracia éche unha realidade así de limitada, así de fráxil, así de utópica, edificio en continua construción, enfermo crónico que goza de boa saúde. Bendita democracia!

Comentarios