Opinión

Bibliotecas contra a banalidade do mal

Non hai que afastarse dous mil anos para chegar á biblioteca de Alejandría, embigo ecuménico de mundos, linguas, culturas. Apenas antonte, na carnicería dos Balcáns, obuses pirómanos rebentaron a de Sarajevo. A pesar das bandeiras azuis que alertaban do xigantesco patrimonio de libros desarmados. Para apagar o furor do lume contra a fraxilidade do papel non foron abondas as bágoas dos bibliotecarios. A historia viu pasar intolerantes con bombas incendiarias. Bárbaros fanatizados. Infinitas formas de queimar e destruír libros que son semente de dúbidas, vacina de dogmas. Por iso un califa no s.VII ordenou queimar o que quedaba da biblioteca alexandrina. Cun argumento de invencible fanatismo: "Se o que contan coincide co libro sagrado, sobran. E se non, son sacrílegos. Hai que destruilos!". 

Libros. Conquistas humanas. Todas as viaxes. Reviravoltas da ciencia. Versos no corazón infinitamente humano. A paixón da filosofía por escrutar a verdade. Toda a música colgada en pentagramas. As cores e as tebras da arte. Pegadas de tinta que labran a historia. Cores femininas e masculinas da epopea humana. Testemuñas mudas, falangueiras palabras de man en man. Acenden vísceras e iluminan o cerebro humano, revolucionario e lacazán. Penso, logo estorbo, berran desde os estantes. Por iso, sátrapas, fascismos, ditadores, endiosados reis que son polvo, queiman libros. Así, o emperador da China unificada hai 2000 anos. Obsesionado pola gloria mandou borrar toda a cultura e historia anteriores. A súa megalomanía aínda é visible no exército de terracota de Xi’an. Algúns libros e cerebros escaparon de furia pirómana y homicida. Resistentes contra a barbarie son faro que ilumina a singradura humana.

A historia coñeceu infinitos uniformes culturais. Decidiu para os libros paraísos e infernos. Así, unha xigantesca fogueira ardía a noite de maio de 1933 na berlinesa Praza da Ópera. Como se fora San Xoán, multiplicaron o lume pola Alemaña nazi. Miles de libros subversivos fóronse entre faíscas de odio e saúdos nazis. Avergoñando a un pobo culto. Enchendo de medo a poetas como H. Heine: "Alí onde queiman libros, ao final acaban queimando xente". Das fogueiras para libros molestos aos fornos crematorios para molestos xudeus, comunistas, xitanos.

Enfrontadas ao papel, lapas e cinzas son eficaces gomas de borrar, por máis que Manuel Rivas diga que os libros arden mal. A crueldade e o fanatismo son armas de destrución masiva que non se deteñen ante libros e corpos.

Nas bibliotecas públicas libros luminosos e calados alfombran todas as formas da cultura humana. Testemuñas contra tantas formas que tentan asasinala. Contra os fanatismos. E contra a banalidade do mal, alertaba a filósofa H. Arendt. Os libros. As bibliotecas.

Comentarios