Opinión

A herdanza esquilmada

Na década dos 80, Ronald Reagan e Margaret Thatcher impulsaron un movemento ideolóxico e económico que acabaría trunfando no planeta. Neoliberalismo, e a súa trindade: venda de bens públicos, fin do estado do benestar, desregulación económica.

Todo foi posto en venta: redes ferroviarias, telecomunicacións e distribución eléctrica, infraestruturas e transportes públicos, investigación científica con financiación pública, edificios e terreos públicos, servizos municipais de auga. Coa privatización, os Estados ían pechando o paraugas que acubillaba o benestar xeral.

Foi esclarededor o que xurdíu sobre os cascallos daquela decrépita URSS. Nas mans dun tipo impregnado en vodka, xigantescas riquezas foron malvendidas ao mellor postor por un valor semellante ao dunha multinacional norteamericana. Foi un caso límite de desmantelamento e depredación a mans duns poucos oligarcas. Desde o trunfo neoliberal, moitos países perderon os bens públicos máis prezados. O Estado quedou como casca baldeira, mentres o sector privado adquiría riqueza e poder inmensos.

A xente do común, impotente e enganada, viu como ía desaparecendo a súa herdanza, o público, o que sempre foi do común. Todo sucedeu moi rápido sen que a xente poidera participar. Tamén aquí. En poucas lexislaturas un inmenso patrimonio pasou a coñecidas mans privadas. Da súa pretendida solvencia fala hoxe o prezo da luz.

Tra-lo tsunami neoliberal, grandes empresarios, economistas militantes da liberdade omnímoda, intelectuais e gobernantes foron abducidos polo dogma do Mercado como relixión única do progreso económico. Ao fin, xibarización do Estado e incubación de todos os ovos económicos na cesta do Mercado. E iso que moitos, como servizo público, funcionaban razoablemente ben: correos, seguridade pública, abastecemento de auga, telefonía, red eléctrica, por exemplo. En poucos anos o sector privado apoderouse da herdanza da avoa dos países.

Ben cedo foron visibles as consecuencias: degradación dos ecosistemas froito da feroz desregulación que permitía ás multinacionais man de obra barata, febles leis medioambientais, desfeita climática, abuso da auga, saqueo dos recursos e acelerada degradación do medio. Un planeta enfermo.

Todo semella desequilibrado, pendente de políticos populistas que condenan o futuro de todos. Que queda por privatizar? A biotecnoloxía tenta patentar os xens de toda forma de vida. A maior parte da comunicación e da información xa está en mans privadas que catequizan sobre os valores neoliberais. Os medios son os donos dos medos. O modelo económico sacrifica no altar do Mercado á inmensa maioría.

Mais a vida é pugnaz. Os seres humanos son capaces de reconducir a historia para que a herdanza que pertence aos netos dos nosos netos non sexa esquilmada.

Comentarios