Opinión

'Miña casiña, meu lar'

O ANHELO de Rosalía de Castro. O afán imposible de tantas, de tantos. Nin políticas de vivenda social, nin previsión delas. Onde vive a xente? Qué teito acubilla á mocidade en España que, ao contrario na UE, case non hai vivienda pública? 2,5 % aquí, 9,3% de media na UE, un 30% nos Países Baixos. Na memoria, a burbulla do ladrillo, os atentados contra o medio nunha ocupación abrumadora do territorio coa complacencia de gobernos e concellos superados. Onde banca e construtores repartían o pastel económica e ecoloxicamente indixerible de formigón e ladrillo. Coa inundación de créditos impagables, nai da crise. Con barrios invivibles, pisos liliputienses, materiais mediocres e inadaptados ao cambio climático.

Agora, os portais de vivenda ofrecen aberracións interiores, faiados inhabitables, caixas de zapatos para desesperados. Noticias estremecedoras de que nas illas mestres e policías non atopan un lugar digno onde vivir. Iso si, nas autonomías proliferan organismos da vivenda.

Cando os promotores facían o agosto, os políticos andaban encerellados no seu, un circo de ruído e furia. Alcaldes das zonas máis apetecibles pechaban os ollos diante de desfeitas urbanísticas. E que sería daquela macrourbanización en Miño, A Coruña?

Faltan casas nun país con 3,4 millones de pisos baldeiros (Ine), un 13,7% do total. Caldo de cultivo para desesperados, mafias que xeran malestar social e oportunidades económicas para empresas de seguridade. A aposta pola vivenda pública e protexida alerta e solivianta aos donos do negocio. ¡Aquí todo o mundo quere vivir nun piso en propiedade ou cun alquiler decente!. É socialmente soportable a indignación e a indecencia?

O certo é que a pavorosa falta de teito e o cambio climático que nos abrasa esixen medidas audaces. Con custos asumibles. Pisos onde collan as persoas e unha vida confortable. A epidemia de covid-19 que nos pechou nas casas debera ser lección urxente para unha política de vivenda. As persoas precisan un mínimo de espazo, de luz e de aire. Conexión co entorno e coas zonas verdes. Parques con auga e árbores, refuxios climáticos e de convivencia. A vivenda éche un dereito humano, recoñecido pola Constitución (art.47). Un ben de uso, nunca un luxo ou ben de consumo.

Os novos necesitan unha casa para o seu proxecto de vida, mentres que en sociedades envellecidas os maiores precisan vivendas accesibles. O clima impón con urxencia casas confortables, e as epidemias, vivendas vivibles. Cidades nas que se poida vivir andando, en comuñón coa natureza e a auga. Unha cidade para a cidadanía e non para os coches. Diso deben tomar boa conta políticos e arquitectos. Cobiza e cegueira resultan invivibles.

Onde o anhelo por unha casiña poida vivir tamén fóra dos versos de Rosalía.

Comentarios