Opinión

Non se pode colonizar o futuro

"Estamos destruíndo o planeta -di Saramago-. O egoísmo de cada xeración non pregunta como vivirán os que veñan despois". O filósofo R. Krznaric aporta a súa clave para comprender o que somos, vinculármonos á terra e repensar o futuro. Fala do pensamento catedral, capacidade de concibir e planificar cun horizonte moi amplo. Como os construtores de catedrais. Os que colocaban os cimentos sabían que non verían pináculos e arbotantes. Vivimos baixo a férrea ditadura do presente, nun curtopracismo frenético, di. Fronte ás inútiles présas do hámster na roda do presentismo, están os deseñadores do futuro.

Teremos que enfrontar desafíos a longo prazo. Perda de biodiversidade, deterioro de ecosistemas, cambio climático. Esta pandemia colocounos diante do espello. A curto prazo, loitar contra a enfermidade que abate aos máis fráxiles. A longo prazo, investir máis no sistema de saúde, investigación, coidado do medio ambiente como vacina contra os patóxenos que virán. Iso supón repensar o futuro, crear plans de sostibilidade. Algo ben difícil para gobernos atados ao curtopracismo de catro anos.

Somos heroes para nos enfrontar a catástrofes, traxedias colectivas, pero agora a esixencia é ter a visión profética e longa dos construtores de catedrais, dos que ergueron as pirámides, a Gran Muralla. Cómpre recuperar o sentidiño dos avós plantando árbores para os netos. O egoísmo do inmediato só mira o embigo duns dereitos que negamos a xeracións futuras.

Xeración selfie, xeración twitter... ou deseñadores do futuro. Nas grandes decisións non só hai que considerar o beneficio inmediato senón "o impacto que terá en sete xeracións", din en Xapón. O movemento Fridays For Future escribía nas pancartas ¿Para que aprender historia se non vai a haber historia?. Mostrábanse como rebeldes do tempo dedicados a pensar a longo prazo e a loitar por unha xustiza interxeneracional.

Nos próximos séculos nacerán miles de millóns de persoas: netos dos netos dos nosos netos. Mirarán atrás para ver o que fixemos cando tivemos oportunidade. O futuro está aí: fermosa utopía... ou pesadelo. Hámsters dando alucinadas voltas ao presente, ou pensadores de catedrais capaces de planificar a moi longo prazo. Agresores do medio ambiente, ou coidadores da biodiversidade.

Ogallá os netos nos recorden como bos antepasados, capaces de construír fermosas catedrais ecolóxicas. Somos quen de cooperar, mostrar empatía, aplaudir aos heroes de bata branca... e de ancorarse na falta de civismo. Somos pombas e cobras, dicía Hume. Ferozmente individualistas e solidarios. Somos quen de pasar cen anos construíndo unha catedral que non imos ver rematada. Colocando pedra sobre pedra no presente decatámonos de que non podemos colonizar un futuro que non é noso.

Comentarios