Opinión

O pobo contra a democracia?

EL PUEBLO contra la democracia: un terzo do libro é bibliografía, así que o resto non asusta. E ademais Yascha Mounk, bo comunicador, sacude a preguiza intelectual. Velaquí o vademécum dunha palabra de contornos imprecisos: populismo.

Cando pensabamos que quedaba lonxe a barbarie de sangue e violencia do século XX, a turbulencia dos últimos anos ameaza con novas desfeitas. Populismos autoritarios son un tsunami sen fronteiras. Sentáronse no poder en USA, e aínda en Brasil, os dous colosos americanos. En Rusia e Turquía. E ata en países da UE como Polonia e Hungría, en mans de tipos iliberais. A infección de partidos populistas e autoritarios chega a Venezuela, Italia, India... España, agora.

A linguaxe de Mounk é clara. Enténdese. Fai o fácil: a foto do presente ameazador. E o difícil: propostas para inventar o futuro. O título do libro escama: non deberían ser tiranos os que ameacen a democracia? Democracia é goberno do pobo, e resulta que, ás veces, o pobo apoia revoltas populistas que a ameazan.

Populismos. Ou solucións fáciles a problemas complexos. Emprego dunha linguaxe trampulleira de limpeza e democracia. Buscan e atopan inimigos exteriores. Aprópianse da representación moral do pobo. O pobo contra invasores que ameazan o ‘noso’ modelo de vida e valores. Os que comparten sangue, historia, lingua, relixión, ‘raza’... contra o inimigo brutal, inculto, delincuente. Mexicanos violadores e narcotraficantes, tuiteaba o excesivo Trump.

Os populismos ameazan institucións que garanten a convivencia dos diferentes baixo o paraugas democrático. Fóra delas, matonismo e barbarie. Enarboran un verbo incendiario. Frautistas de Hamelin pastorean resentimentos contra as elites. A retórica fácil da indignación éche o caldo de cultivo onde coce ben a demagoxia. Iso, e as crecentes desigualdades froito dun sistema económico desapiadado, bo combustible para o medo.

O libro ofrece outra cara da moeda: propostas para se enfrontar aos populismos aínda que berren máis. As sociedades están vivas. O clamor popular activa resortes da xustiza para perseguir políticos sucios. A xente pensa e actúa. Rapaces de USA, Australia, Suecia, Bélxica saen á rúa contra dirixentes incapaces de acordar nada sobre o cambio climático que lles rouba o futuro. O pobo que non soporta a opresión é quen de apear do poder tiranos. Aínda que resulte difícil deter a un elefante que barrita na cristalaría de twitter. Abanear a bóla de derrubas que destrúe é fácil, construír éche o difícil. Pero cando está en xogo a vida do planeta, o benestar da xente, os dereitos humanos, os valores democráticos e a liberdade, paga a pena.

Un sinxelo paso para se enfrontar aos populismos é ler o libro de Yascha Mounk. El pueblo contra la democracia.

Comentarios