Opinión

Unha vacina para o planeta

IMPLORAMOS QUE investigadoras e científicos atopen a vacina contra o virus. Mellor en laboratorios públicos para que chegue a todos. Anhelamos regresar á normalidade alegre e despreocupada. Pero non volverá a que se baseaba na cegueira e na irracionalidade. Recordan os científicos que temos vivido de costas á natureza. Cun sistema de vida agresor do medio ambiente onde todo está entretecido.

A pandemia situounos diante do espello. Non nos gusta o que vemos. O empobrecemento da biodiversidade déixanos espidos diante da próxima pandemia. A economía queda tocada. Aguantará o sistema sanitario outra arremetida? A urxencia é a vacina do coronavirus. Pero tamén aprema atopar outra para as agresions humanas contra a natureza. Contra a cegueira de nos considerar alleos ao medio ambiente. Como vacinarnos contra a inminente pandemia do cambio climático? Sen esa protección boa parte do planeta será invivible.

A culpa non é do mono do ébola, as aves da gripe A, o camelo do Sars, o pangolín do coronavirus. O responsable éche o ‘virus’ humano que agrede ao medio ambiente ata límites que xa non nos protexe, sinala o biólogo F. Valladares.

Esperamos saír da crise máis humanos e solidarios. Máis sabios. Que cambiemos este sistema socioeconómico que non funciona. Agora coñecemos a nosa fraxilidade. Dependemos dos outros. Somos uns veciños máis na urdida da vida. O coronavirus éche un duro castigo á soberbia do sapiens que se apoderou do planeta monopolizando os recursos.

Benvida sexa a vacina que nos salve. Pero convén escoitar aos ecólogos que queren atopar unha vacina para este planeta único. Xa existe, din: éche o respecto á diversidade que nos protexe. A vida é un milagre cotiá de harmonía. Somos responsables da ruptura do equilibrio. Harmonía e equilibrio son indispensables nuns ecosistemas sas. Por iso, a mellor vacina é mimar, coidar, protexer, amar a natureza. O mesmo amor que mostra a nai natureza coidando de nós cada día. E como fan as nais, de xeito gratuíto.

Observamos estes días a resiliencia da natureza. A vida reconquista os seus escenarios. Nas zonas degradadas florece a vida. Desaparece a contaminación, máis letal que o virus. Se a deixamos, a natureza recobra o equilibrio. A primavera entra nas casas. O ar ole ben. Está limpa a auga. Non hai lixo nas rúas. A capacidade de recuperación sorprende.

Pendentes da vacina dos laboratorios, a da natureza témola diante dos ollos. Convén reflexionar, presionar aos nosos políticos para que non volvan á distopía do esquecemento.

Existe o perigo de que, controlado o virus, volvamos á antiga cegueira. A da depredación dos recursos por unha soa especie gargantúa. A vida viaxa no mesmo barco. O que nos vai salvar é a vacina que protexa a nave do planeta.

Comentarios