Opinión

A chave da luz

ALGUNHAS DAS persoas lectoras deste xornal pensan (ou, mellor dito, pensaban) que o poder total estaba no mando para manexar a meteoroloxía, nas mans daqueles con capacidade para provocar, inducir ou corrixir fenómenos atmosféricos. Que chova naquela esquina, que caian raios e tronos daquel lado, que quente o sol na praia a onde van as xentes de ben e moi ben, e que se mollen e se encollan os máis humildes, os de sempre, os menos protexidos, os do asubío. Que traballen e calen os traballadores, obrigados a facer o que fan, para que outros anden ao sol que máis quenta e mentres moita xente aterece co frío na casa e polo camiño. Moita xente, amigos e amigas, permanece engruñada despois de interpretar as novas que lle contaron.

Os telexornais e os boletíns de noticias das máis importantes televisións europeas dedican unha boa porción do seu espazo ao tempo, á climatoloxía e ás predicións meteorolóxicas

Os telexornais e os boletíns de noticias das máis importantes televisións europeas dedican unha boa porción do seu espazo ao tempo, á climatoloxía e ás predicións meteorolóxicas. Andan removendo os puntos de destino daquela xente á que o mercado sitúa no grupo de enorme interese para os fabricantes de sandalias, pantalóns curtos, chocolates e ilusións. Chove por aquela banda, pola de Lestrobe, polo Norte e polo Sur; quenta o sol e queima pola banda de Laíño, polo Norte e polo Sur. Quen o diría? Poida que chova calquera día, en calquera sitio, na casa e fóra dela, con forza ou amodiño, engorde e despaciño. Poida que chova como sempre choveu e venteou nos días de temporal, nos invernos de tódolos anos.

Aínda así, quen puidera manexar o mando para distribuír, dende a cadeira do despacho ou dende o escano de xunto da cheminea, as porcións de auga que corresponden a cada lugar en cada momento. Esa persoa tería, seguramente, un enorme poder. Moi superior ao que posúen moitos dos mandatarios locais poderosos. Imaxínanse vostedes cal sería o proceder dese alcalde zafio que coñecen, se tivera capacidade para influír na atmosfera e mollar a deshora á veciñanza dos concellos limítrofes. Más vale non pensalo!

Pero o verdadeiro poder está na chave da luz. Primeiro dominou Fenosa e agora, quen manda? Segundo a Tía Manuela, seguen mandando os de sempre, pero máis ca nunca. Cando lles pete apagarán a luz, o mundo quedará escuro e a xente, aínda máis amolegada.

Comentarios