Opinión

Contradición permanente

SE CONDUCES, non bebas nin fales por teléfono. Calquera destas dúas accións mata. Quen o diría?, quen pensaría que o progreso nas comunicacións era tan perigoso? Miles de persoas morren por mal uso do seu teléfono móbil, por convertelo nun instrumento de distracción, nunha perigosa ferramenta de incomunicación e de agresión mortal. A cidadanía enganada busca tarifa plana para aforrar e falar cando lle vén en gana, para morrer en accidente, atropelado ou atropelando sen querer, sen saber, falando e sen escoitar.

Parece como se os faladores, os conversadores condutores fosen libremente na procura do accidente, como se beberan para conducir con máis soltura, para seren máis libres, máis independentes e tristemente máis valentes. As estatísticas cantan e dan medo. Miles de persoas morren conducindo por mor do uso indebido do teléfono móbil, por mor dese maldito celular que vai toda a viaxe entretendo aos pasaxeiros, aos condutores e condutoras, aos meniños do sentadoiro traseiro e aos adultos fortes e robustos que seguen a ruta pola pantalla, que falan, entreteñen, rin e calan.

A Tía Manuela lembra a Aristóteles, cando dicía que "as accións humanas teñen polo menos unha das seguintes causas: natureza, compulsión, razón, paixón, hábito, azar e desexo"

É obvio que o aparello celular é incompatible coa liberdade, como moi ben argumentaba X. Piñeiro, un amigo meu e de todos vostedes, prezados lectores. Un home da beiramar coa fortaleza dun carballo, ensaísta, narrador, pensador e poeta, que tamén observa que son igualmente incompatibles intelixencia e militar, deses militares de ordeno e mando ou administración e xustiza.

Para exercer un recio control sobre os movementos da cidadanía mundial, crearon a CIA, a Axencia Central de Intelixencia como órgano asesor do presidente de Estados Unidos en temas de seguridade, onde precisamente a intelixencia pode brillar pola súa ausencia. Que máis dá?

Aí estamos, en contradición permanente, discutindo ou reflexionando sobre nós mesmos, sobre a xustiza, a razón e a administración. E, neste caso, a Tía Manuela lembra a Aristóteles, cando dicía que "as accións humanas teñen polo menos unha das seguintes causas: natureza, compulsión, razón, paixón, hábito, azar e desexo".

Comentarios