Opinión

A formación e a guerra

Espertou e alá foi. Non se acordaba de nada do que soñara, daqueles plans inmensos para arranxar o mundo. Plans grandes e bonitos, redactados coa imaxinación daqueles que queren para eles, para os iguais e para todos, un mundo mellor, de igualdade, sen fame e con xustiza. Moitos soñan da mesma maneira e moitos pensan (pensamos) que é posible e que se acadará algún día. Que sexa pronto!

Cando se mira a realidade da vida, dos tempos e das cousas obsérvase nitidamente que non é igual que o soñado. A maioría das veces é peor ou non ten nada que ver co que se quere, co que se busca e se persigue. Pero, aínda así, hai que perseguir e seguir pelexando, cada día, por ese mundo co que soñas. Hai que facelo, prezadas e prezados lectores, con dedicación e determinación, con disciplina e, se cómpre, con esforzo.

Hai que facer moito esforzo, todo o que faga falta, para que paren as guerras, que se deteñan e se enterren as armas; para que quebren as empresas de armamento todas, para que ninguén sexa quen de accionar o gatillo e para que os empresarios e tódolos actores da guerra teñan que cambiar o seu modo de vida. Se son capaces que o dignifiquen e, en calquera caso, que deixen de matar. 

Os contos que contan os que foron á guerra, a calquera das guerras, son todos eles con final triste, son contos que fan saltar as bágoas, que estreitan as veas e  reducen a capacidade de entender de todos, de modo moi singular, daqueles que buscan a paz, como arma para o entendemento, para a comprensión e para derrotar aos poderosos, a eses que ven o mundo polo punto de mira do fusil dalgún dos seus soldados.

Unhas guerras tapan ás outras. Todas son innecesarias e inxustas, limitan as liberdades, sementan ruindade, calamidade e desastre. Son o camiño máis rápido e máis curto para alcanzar a pobreza dos pobos e da xente que queda viva. Son un negocio para aqueles que as alentan e que se afastan delas, para os que viven das guerras sen o cheiro e sen o ruído das bombas, sen os mortos na porta da casa.

A Tía Manuela pensa que para acabar con esta barbarie e con tanta atrocidade é necesario capacitar e formar máis e mellor á sociedade, abrir fiestras á cultura e distribuír o coñecemento. Si, a formación, sen fundamentalismo, quizais sexa a arma axeitada para evitar tanta ou calquera guerra.

Comentarios