Opinión

O falar das pedras

O falar das pedras é moito falar. Din o que saben, o que pasaron e o que será. As pedras gardan as mensaxes do tempo, as raias dos anos, dos miles e millóns de anos e cóntannolo aos que as escoitamos, aos que as miran e as queren. Millóns de anos escribindo e deixando o sentir dos vivos e da natureza viva nas pedras que se agochan nas beiras do camiño, alí onde están as lembranzas, onde está a historia enteira, contada e sen contar.

As pedras teñen o seu propio idioma e a sociedade culta, intelectual e preocupada polo que fomos e polo que seremos, interpreta o seu dicir. Interprétao e anúnciao, a modo de saber, de crer e de mirar ou de pescudar. "O futuro esta escrito nesas pedras", dicía e afirmaba a xornalista Carmen Viejo, cando paseaba cos seu amigos polas contornas da cidade granadina de Guadix. A natureza relata o sentir do universo, a configuración orográfica con todos os relevos montañosos ou daquela outra superficie plana.

Para escoitar e interpretar o falar das pedras, Juan Manuel Abascal Palazón e Alberto López Fernández presentan un libro, editado e elaborado no marco dos traballos da Fundación L. Monteagudo, sobre a epigrafía romana na provincia de A Coruña, con fotos do xornalista José Manuel Salgado e coa promesa de seguir dando notas do que está escrito en pedras espalladas pola xeografía de Galicia.

Xerardo Pereira Menaut, o que foi catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago, sabía moi ben que o falar das pedras era historia verdadeira, sabía —como saben tamén os seus colegas— que, na sociedade actual, o territorio e a súa organización, a paisaxe e a súa conservación preocupan aos investigadores e, neste contexto, os historiadores dirixen as súas preguntas ao pasado. Que pasaría? Que sería de nós?

Moitas outras preguntas están no aire agardando resposta da ciencia. Quen promoveu a organización territorial? Para que se fixo e a que intereses serve? Aí está, cómpre ler nas pedras para descubrir o que poido pasar.

A Tía Manuela tamén entende que para escoitar o falar das pedras, hai que ler e estudar no megalítico, mirar para Santa Comba de Bande, para a Torre de Hércules, Andar pola Muralla de Lugo, por Pontevedra, por xunto das Burgas, pala Ribeira Sacra, O Courel, os Ancares, Lóuzara e o Mosteiro de Samos.

Comentarios