Opinión

O futuro está no cambio

OS EXPERTOS reúnense e falan, discuten e prometen, pero nada, nada de nada. Todo queda igual ou algo peor. Tanto que se trate do deporte, como do medio ambiente, da educación ou da música. Como queira que sexa, o cambio climático está aí, dando sinais permanentes da súa existencia e do seu afán de continuar cambiando, para ben ou para mal. Os sinais son ben visibles, incluso para os que non queren velos, son visibles e, en moitas ocasións, son sorprendentes e luminosos.

Todo cambia, miñas amigas, cambia o tempo, cambia a xente, as modas, os modos de aprender, as formas de ser; cambian os gustos, os edificios, as estradas, as formas de andar e de transportar mercancías; cambiamos nós e cambian os políticos. Todo cambia e eles tamén, cando non son quen de conseguir o perseguido, cambian de ruta, de mensaxe e, se é preciso, de obxectivos.

E, que lle queres? Se todo vai, aínda que non sexa de todo ben, parabéns! Todos sabemos que, como dicía Ernesto Sábato, aquel permanente inconformista que foi de ciencias e de letras, "as cousas, os homes e os meniños non volven ser o que foron un día" e a historia non dirá nada, ou si? A historia, compañeiros e compañeiras de viaxe, está supeditada á liberdade das persoas para interpretala e, se é o caso, para transformala e reescribila.

Que dirá a historia do cambio climático? E do deterioro do medio ambiente? Que dirá? A historia e nós mesmos diremos o que entendemos ou, polo contrario, calaremos. Entraremos nunha situación de todos caladiños e quedos ata que a nada sexa nada e os homes e mulleres desta terra nosa saiban, e non esquezan nunca máis, que temos obriga de coidar e protexer a terra na que, e da que, vivimos. Estamos atados, por convencemento, razón e obrigación, á idea de que a terra merece o respecto de todos, incluso, dos que máis razoan, daqueles que se achegan con seguridade plena ao que fomos, ao que somos e ao que seremos.

En andares como estes, con conclusións como estas, en fin... En lerias diste tipo, parece mellor non meterse, agardar que o cambio veña para ben de todos ou, cando menos, ao gusto da ampla maioría. A Tía Manuela moi ben o dicía, "o futuro está no cambio, alí onde debemos seguir cambiando".

Comentarios