Opinión

Os petróglifos, perduran e ensinan

A HISTORIA marca principios, estuda feitos pertencentes a outros tempos e proxecta as accións da sociedade e dos seus integrantes cara ao futuro inmediato ou afastado. É unha disciplina na que cómpre mergullarse, unha ciencia para saber o que fomos e, xa que logo, o que seremos nós, o pobo noso e os outros. Recentemente a revista Trabajos de Prehistoria publicou un traballo de investigación a través do que os seus autores, tres científicos da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Rodríguez Rellán, Alia Vázquez Martínez e Ramón Fábregas Valcarce, dan a coñecer a existencia de 3.374 estacións rupestres en Galicia, unha mostra evidente de que temos un pasado que obriga respecto.

Efectivamente, non son poucas nin moitas. Son as que de momento se coñecen e suficientes para colocarnos ao par dos grandes centros da arte rupestre do continente. Os petróglifos galegos están distribuídos por todo o territorio, pero cunha maior densidade no cuadrante suroeste, e a súa análise –segundo os investigadores– evidencia o dominio absoluto das figuras xeométricas, fronte ás naturalistas, e a existencia dunha grande heteroxeneidade na frecuencia relativa de motivos, "na súa tendencia a comparecer ou non de modo conxunto nos mesmos paneis ou na propia implantación das rochas gravadas na paisaxe".

O mundo moderno ten que reflexionar sobre o pasado para avanzar sen tropezóns cara ao futuro

Este inventario e concienzudo estudo dos petróglifos, elaborado coa axuda de sofisticadas ferramentas informáticas, dá un número de estacións rupestres que pode ser, e seguramente será, superado a medida que se incorporen outros achados en calquera punto xeográfico de calquera das catro provincias de Galicia. Grazas aos investigadores sabemos que temos un pais culturalmente rico e moi rico, precisamente, na expresión de sentimentos e de vivencias que permanecen gravados en pedras e que relatan o que foi e o que fixo a humanidade.

O mundo moderno, xa o dicía a Tía Manuela, ten que reflexionar sobre o pasado para avanzar sen tropezóns cara ao futuro. Para esta reflexión parece conveniente estudar, entender e coñecer os sistemas para comunicarse e manifestarse en cada tempo, por lonxe que se vexa a aqueles que gravaban magníficos petróglifos, magníficas manifestacións rupestres que aínda perduran e ensinan.

Comentarios