Opinión

Todo será posible

O PANORAMA político de Galicia revólvese no verán. O 25 de xullo xa non é o que era, nin o que os seus ideólogos quixeron que fora. Mentres uns festexan o Día de Galicia, moitos lembran a grandeza enorme do Apóstolo, outros andan de festa en festa polos Santiagos de cada provincia e os nacionalistas do Bloque xúntanse en Santiago para lembrar que somos galegos, que a nosa terra ten historia e que temos unha patria nosa, unha bandeira nosa, un himno propio que fala dos rumorosos, do verdor cinguido, do fogar e da nazón de Breogán e de todos os lectores, de vós, "os bos e xenerosos".

Galicia ten o que lle queda, é confín dos verdes castros e anda no espertar do seu longo sono, para ver se os soños invernais das galegas e dos galegos poden converterse en realidade. E, para ver se a realidade pode trocarse en éxito do valeroso chan, dende o Alto da Pedra ata Fornelos de Montes ou dende os acantilados de Cabo Ortegal ata o bico da Serra da Canda.

Galicia ten o que lle queda, é confín dos verdes castros e anda no espertar do seu longo sono

A Patria. Si señor, o Día da Patria Galega é un grande día de festa para honrar a Rosalía de Castro, para facer ofrendas florais no Panteón de Galegos Ilustres, para ir a Rianxo e falar outra vez co rianxeiro querido, con Castelao de vida e morte, escoitar como resoan os seus sabios falares e volver por Laíño ou por Lestrove a Santiago de Compostela, onde milleiros de patriotas cantan e bailan ao son da gaita gaiteira, na Carballeira de San Lourenzo, preto de Santa Susana.

A oficialidade viste de gala e engalanada vai, pola media mañá, á praza do Obradoiro, para render honores, e á catedral, para escoitar os sermóns e facer ofrendas. Para poder, un ano máis, establecer contacto directo con Santiago, o apóstolo que permanece impertérrito e impasible fronte ás atencións interesadas dos que mandan e dos que queren mandar.

Aqueles que non van á Catedral, e que nunca foron, andarán na procura da Galicia ceibe. Polas rúas de Compostela, polas prazas de Compostela, polos xardíns e parques da cidade. Andarán brincando ata a noite os políticos e os seguidores, incluídos os aplaudidores, reivindicando unidade de acción para facer grande a ocasión. Xa o dicía a Tía Manuela, no Día da Patria Galega, o 25 de xullo, en Santiago de Compostela, todo será posible.

Comentarios