Blogue | Balas de fogueo

Compostando que é xerundio

VOU COMENTAR hoxe unha experiencia de compostaxe dende un punto de vista persoal. Comezarei dicindo que, dende o día que chantaron uns composteiros comunitarios enfronte onde eu habito, púxenme a recoller o lixo orgánico para contribuír como bo contribuínte. Pero primeiro tirei de precaucións: resulta que lera no xornal que o principal e único partido da oposición acusaba ao goberno local de que os composteiros cheiraban e de que as ratas deambulaban arredor deses maléficos artefactos. Ostras, dixen eu. Ou "carallo", xa non me lembro. Entón os primeiros días saía a botar o lixo para o compost cunha máscara de gas da segunda guerra mundial (que me pasou un curmán coleccionista que tiña varias) e armado cunha escopeta de balíns (que tiña un meu irmán de cando eramos nenos). Desta guisa andiven un par de semana, chamando a atención de todo o barrio, ata que me convencín de que nin cheiro nin ratas, que seguramente todo foi un murmurio inventado para despretixiar. E que eu son moi mal pensado, que queren. E mentireiro, tamén son mentireiro.

Primeiro baixaba os restos nun cubiño que mercara ex-profeso para esa función. Baleiraba o cubiño, botáballe o estruturante, pasáballe un pouco de auga ao fondo do cubo e para casiña. Cando chegaba de volta ao meu portal, quedábame ollando cara o meu reflexo no cristal pensando: "Aí tendes a unha boa persoa e mellor cidadán". Ata que notei que os veciños que saían quedaban mirando cara min e se cadra pensando: "O que eu dicía, está coma unhas maracas". Entón deixei de mirarme no cristal do portal e comecei a facelo no espello do ascensor, a onde traladei os mesmos pensamentos.

Por desgraza, en moitas ocasións o lavado do cubiño no era suficiente, e tiña que fregar os restos que quedaban ao chegar a casa. A operación non levaba máis dun par de minutos, pero na miña cabeza iso era como media hora. Media hora que perdía ao chegar a casa só por ir a tirar o lixo para compostar. Iso non podía ser. Iso tiñan que telo avisado os da oposición, en lugar de inventar aquelo das ratas e do cheiro insoportable. Pero como eu non podía xa vivir sen mirar no reflexo do cristal do portal ou no espello do ascensor a imaxe dun cidadán de ben, decidín poñerlle unha bolsiña ao cubiño. Así, merquei por internet unhas bolsas biodegradabeis (despois de buscalas inutilmente polos comercios da contorna). Pasei un tempo de felicidade botando o lixo da bolsiña no composteiro e subindo o cubiño á miña casa. O caso é que un mal día atopei no composteiro unha mensaxe que dicía que ás bolsas compostables tamén había que lles botar estruturante por riba. Comecei a poñerme nervioso. Imos ver. Cantamañás. Mastigaberzas. Baldreus. Por unha banda, animades á xentiña de boa fe a que boten o lixo en bolsas compostable. Pola outra, hai que facer coa bolsa compostable como se no o fose. Cheguei á casa coa tensión polas nubes. Cando remateu a miña provisión de bolsas compostables, comprei unhas de plastico no super e comecei a baleirar nelas o compost, que despois botaba no caixón do composteiro, chimpando a bolsa de plástico na papeleira e que a recicle maría santísima. Así conseguín equilibrar a miña tensión arterial.

Un día, mentres cumplía coa miña cruzada do reciclaxe e por un mundo sostible, acercóuseme unha muller con evidentes sinais de curiosidade na súa faciana que se manifestaron en forma de preguntas. Díxome que era de Lyon (ou sexa francesa, pensei eu, grazas á miña ampla cultura) pero falaba en perfecto castelán. Diso tirei a conclusión de que era española pero vivía en Lyon, cousa que ela confirmou despois. Expliqueille o asunto dos composteiros e do compost e díxome que alá en Lyon tamén se facía (para que carallo me pregunta nada entón, pensei eu, que como dixen son un mal pensado). Estivemos a falar de cousas cotidianas como o futuro do planeta e marchou contenta de coñecer a unha persoa coma min. Isto non o dixo, pero seguro co pensou, porque eu estaría tamén encantado de coñecer a alguén coma min, e pola propiedade conmutativa…

Por tanto, se quere sentirse vostede, en termos de ecoloxía, parte da solución e non parte do problema; se quere aloxar sentimentos de ser unha boa persoa, un cidadán de pro, comece a compostar se non o está a facer. A cidade que composta unida, permanece unida. Bueno, xa imos vendo.

Comentarios