Opinión

Concellaría da Felicidade

NO CONCELLO de Oia hai tempo que decidiron crear unha concellaría da Felicidade. Só existe outro lugar no mundo, un concello en Italia, onde existe algo similar. As preguntas amoréanse na cachola, que é onde se amorean as preguntas cando choven coma pedra, ata que fan dano, buratos nos capós dos coches, etc. Que millonada lle pagarán ao concelleiro ou concelleira dese área? como o/a van escoller? E, sobre todo, que carallo é a felicidade? como pode ser algo cunha partida presupostaria no organigrama dun concello?

Encargarse da felicidade dun concello é algo posible se te chamas Clark Kent e o concello e ti sodes elementos de ficción, senón trátase dun asunto condenado ao desacougo

Imaxinemos ao concelleiro ou concelleira chegando ao seu despacho un luns pola mañá, coas pegadas das lagañas aínda baixo os ollos, o alento cheirando a café con leite e unhas gañas tremendas de que remate dunha vez a xornada... como se vai encargar o pobre tipo/a da felicidade da veciñanza? por onde vai comezar? asomarase ao balcón cunha caderno para apuntar aos que pasan por alí e darlle preferencia ou comezará pola lista de afiliados do partido?

Encargarse da felicidade dun concello é algo posible se te chamas Clark Kent e o concello e ti sodes elementos de ficción, senón trátase dun asunto condenado ao desacougo.

Os seres humanos, nunha porcentaxe se cadra máis elevada ca o que estamos dispostos a recoñecer, ligamos a felicidade ao amor. Sobre todo se somos románticos, ou parvos, ou as dúas cousas. Do famoso trío: saúde, diñeiro e amor seguro que gañaría a saúda. Pero despois, en canto temos no peto o carto suficiente para vivir, dedicámosnos a estragar a nosa saúde e a perseguir o amor. Non fai falta ser sociólogo ou antropólogo para decatarse destas cousas. Todos os que temos idade suficiente (non imos concretar, imos deixalo aí) cantaruxamos algunha vez aquilo de: "La felicidad,,ja, ja, ja, ja, / me la dió tu amor, jo,,jo, jo, jor, / hoy vuelvo a cantar, ja, ja, ja, jar, /gracias al amor, y todo gracias al amor"; por culpa de Palito Ortega. Nunca houbo unha canción que dixera que "La felicidad me la dió la salud / ju, ju, ju, jur" ou que dixera "la felicidad me la dio el dinero / ro, ro, ro ró". Así somos nós. Pero, volvendo á ambiciosa iniciativa do concello de Oia, a felicidade é mellor non tocala, senón deixar que se produza fortuitamente, se é o caso. Como é algo que adoita acontecer a chispazos, non é bo darlle demasiadas voltas. Xa polas facianas das persoas podes ter unha idea de como lles vai o asunto. Se comezas a obsesionarte polas caras largas, polos berros, polas liortas. polos boletos de loterías feitos cachizas polas rúas... esa concellaría pode chegar a ser un calvario.

Os últimos tempos, ademais, seguramente nos sirvan para aprender algo mais sobre este asunto. Se cadra hoxe en día atopamos anacos de felicidade en pequenos detalliños que noutro tempo non adoitabamos considerar como subministradores da mesma. Non hai moitos días que podiamos ser felices só con saír a dar un paseo pola rúa. Non hai moitos días podiamos rebentar de ledicia pensando en poder tomar unha caña cos amigos. Hai moreas de exemplos. Os desexos cumpridos producen felicidade e nada se desexa máis que aquelo que era tan rutineiro que non podías imaxinar que un día te faltara.

No tempo no que estamos e despois do vivido, seguro que moitos de nós poñemos as nosas arelas nunha actividade propia do verán como éir á praia. Todo apunta a que xa non vai ser tan habitual, pero que a poderemos experimentar. Igual que antes, cando aínda podiamos ir polo mundo adiante sen unha máscara nos fuciños. Eses que deron de golpe cunha realidade irreal e que nos fai vivir agora unha normalidade anormal (chámalle nova, chámalle xe). Bueno, "igual que antes"… igual non. Seguro que non. Porén, coas limitacións propias destes momentos tan estraños, imos gozar da felicidade do mar e da area, da felicidade de desentendernos uns instantes dos nosos corpos polo mero trámite de ofrecelos á vista de todos. Vivamos en Oia ou non.

Comentarios