Opinión

Cousas destes días

Tras esta cullerada de apocalipse (agardemos que quede niso), hai algunhas ideas que apuntar. Conceptos que quedan subliñados pola forza dos feitos, que unha das forzas máis categóricas das imaxinables. Non imos poñelos por orde de importancia, nin por ningunha outra, máis ben a idea e apiñalos, despois que cadaquén os sitúe no seu maxín onde lle pareza:

A tremenda importancia da solidariedade. Se un día destes, que Deus non o queira, resucitan a materia aquela chamada "Formación del espírito nacional" eu faría todo o posible porque incluíran nela a obrigatoriedade de formar cada día no patio da escola e berrar todo o mundo ben forte aquel poema de John Donne que comeza: "Ninguén é unha illa / completo en si mesmo...". Se lle soa, amigo lector, posiblemente é porque esta é a cita que abre Por quen dobran as campás, a noveliña de Hemingway. É do mellor da novela.

A tremenda importancia de ter can. Un can calquera, incluso algún animal que poida pasar por can. Se xa estes animais acadaran o título de "mellor amigo do home" que hoxe estaría convalidado por "mellor amigo do home e da muller", agora xa subiron aos altares. Tamén é certo que mudaron a súa condición de mascotas porque lle foi engadida a función de escusa, pero iso non é culpa deles. Non sei que pensaran aqueles donos destes animais que, imitando a condición de animais, deixaron aos seus abandonas no último Nadal...

A tremenda importancia de saber ler. E de ter libros na casa. Ou de saber buscalos por internet, nas bibliotecas virtuais, claro, non fomentamos o filibusterismo dixital

A tremenda importancia de saber ler. E de ter libros na casa. Ou de saber buscalos por internet, nas bibliotecas virtuais, claro, non fomentamos o filibusterismo dixital. O segundo mellor amigo do home e da muller, despois do can-escusa, é un libro.

A tremenda importancia de ter un balcón, unha terraza, un xardín, no lugar onde vives. Tamén é certo que asomarse ás fiestras é unha opción, sobre todo se che din que tes que aplaudir a determinada hora. Eu non son moito de aplaudir, cústame un mundo. Prefiro aplaudir co corazón, pero na casa din que son un ruín e un desagradecido (desagradecido ou desgraciado, non o teño moi claro) así que aplaudo como todos.

A tremenda importancia da televisión. Que sería de nós sen o ton alarmista dos telexornais, sen eses bustos hieráticos que anuncian calamidades e collen as novas polo lado onde máis noxo dan. Que sería de nós sen os programas de telecalamidades, sen os reality shows, sen as películas de sobremesa que son quen de durmir a xente hiperactiva en pleno ataque de nervios. Moitos de nós puidemos descubrir grazas ao confinamento que seguía existindo a televisión e que seguía a botar a mesma borralla de sempre. Os medios dixitais teñen un futuro caralludo.

A tremenda importancia dos pantalóns de pixama que poden pasar por prenda informal e permiten que baixes a baixar o lixo (vala a rebuznancia) sen mudar. En xeral, a tremenda importancia da roupa cómoda e de andar por casa. Que nos estamos a fartar de andar por casa. A vida é andar por casa, quen nolo ía dicir.

A tremenda importancia de saber cantar. Cada balcón estase a converter nun proscenio dende onde a xente máis extravertida, posuída polos sentimentos solidarios dos que falamos hai pouco, rompe a entoar cancións tipo Resistiré do Dúo Dinámico ou Sobreviviré de Mónica Naranjo e incluso Hola, don Pepito, hola don José da familia Aragón. E fano independentemente da existencia ou non dunha mínima destreza vocal para iso. E claro, se esperan ser acompañados nesa aventura lírica, é imprescindible un pouco de sentido rítmico e da entoación.

A tremenda importancia de ter alguén ao teu carón que saiba que non tes dotes para o canto e que te faga calar de vez e te meta dentro de casa.

A tremenda importancia de ter unha boa conexión a internet e cartos para meter nunha plataforma dixital. Pero isto é unha obviedade como a copa dun pino, que o máis obvio de todas as árbores obvias.

E agora prosigamos con esta extraordinaria aventura de vivir.

Comentarios