Opinión

Entre a espalda e a parede

HAI UNS días lin nun xornal un titular que me deixou circunflexo e retinoplástico, dous estados de ánimo que veño de inventar. Dicía en grandes letras que o presidente do goberno español estaba cinguido pola ameaza independentista, por unha banda, e a populista, pola outra. Entre a espalda e a parede, que diría o mítico Xosé María Caneda. Ou sexa, que os dous principais aliados que achegaron a Sánchez á Moncloa e o manteñen aí (pódeselle facer unha moción de censura incluso a un goberno que o é por mor dunha moción de censura, por revirado que soe) son agora os que o teñen collido polo pescozo e contra a parede, nunha escena típica dos ambientes mafiosos. Vaites, vaites. Lonxe quedan os tempos en que os partidos que querían gobernar compraban alianzas en territorio vasco e catalán e ficaban na Moncloa por un puñado de dólares. Ninguén regala nada, nin hai quen venda pesos a catro pesetas. Pero, examinemos polo miúdo o titular en cuestión.

Os independentistas, que imos supoñer que son os que collen polo pescozo a Sánchez e o empurran contra a parede (esta serían os populistas) exercen a súa forza de xeito ben asertivo, convencidos que non hai coma un pescozo apertado para que salgan pola gorxa unha restra de concesións coma chourizos (ou botifarras) que levar diante do electorado independentista. "Estes son os chourizos que lle sacamos ao Estado opresor". Aínda que o que quere o independentista, que unha raza teimuda, é unha república independente (que foi o prometido). De modo que resulta que os que apertan ao presidente do goberno polo pescozo, a súa vez teñen a súa gorxa apertada polos milleiros e milleiros de votantes independentista aos que lle prometeran unha república independente mentres que de momento só lle trouxeron un 155. Polo que tampouco poden esganar moito a Sánchez non sexa que este lles agasalle con outro boleto con ese número. E todo isto cunhas eleccións en Cataluña cada vez máis preto. A cousa ten o seu aquel (fermosa expresión galega que parece que di, pero non di nada).

Lonxe quedan os tempos en que os partidos que querían gobernar compraban alianzas en territorio vasco e catalán e ficaban na Moncloa por un puñado de dólares

Imos cos populistas. Onde di populistas hai que ler Unidos Podemos. Existe unha atracción magnética entre certa prensa e o desexo de asimilación do partido que preside Pablo Iglesias co termo populismo, seguindo as doutrinas do Partido Popular e de Ciudadanos. Estes partidos queren que a xente, nomeadamente os votantes, afinen a vista e: 1º vexan como pexorativo o adxectivo populista e 2º vexan a Unidos Podemos como un partido esencialmente populista. Un partido que se di popular e outro que se chama ciudadanos. Árdelle o eixe (ou, como dirían eles, "le arde el eje"). Normal, Unidos Podemos soa un pouco a viva la gente, la hay donde quiera que vas e iso si que non, ese bo rollito non lles mola aos adversarios. Os do PSOE, sobre todo os gobernantes máis populistas do PSOE, tamén acusan aos de Iglesias de populistas, pero en xeral pasan máis.

Agora ben: vexamos, por exemplo, a proposta de PP e Ciudadanos no tema sempre delicado dos migrantes. Non semella moi populista iso de impedir que veñan acó "a sacarnos o pan dos nosos fillos"? Pois iso.

Gobernar un país éche unha tarefa que pode parecer moi complicada o moi doada, depende. Explicaremos esta frase que zumega galeguidade. Tómese Cataluña despois do procés: gobérnase sola. Podrtían pechar o parlamento catalán que os obxectivos do govern non dependen deste, tan só se trata de presionar ao goberno do Estado un día si e outro tamén para quedares ben co teu electorado. De feito, o número de plenos do parlamento catalán durante este tempo está a ser un dos máis baixos da historia da democracia. Ou o que lle ocorreu ao goberno de Rajoy antes da moción de censura de hai uns meses. Cun goberno en minoría o PP levaba o país en punto morto, disposto a chegar ás seguintes lexislativas sen máis problemas.

Por outra banda, a ver cómo gobernas cando os teus proxectos de cambio, ou os fas vía decreto lei, ou tes que acordalos con xente que o que quere é que che salga todo mal para se poñer onde estás ti.

Como dixera Mariano durante un cumio en Bruxelas: "It's very difficult todo esto".

Comentarios