Opinión

Polo surrealismo cara á independencia

A MESTURA de siglas, ideas políticas, ideas peregrinas, intereses políticos, etc, etc que ocupou os puntos neurálxicos desa cefalea aguda chamada govern de Catalunya non é quen de artellar novo pacto. Aínda están enriba da mesa os resultados das últimas eleccións nas que o partido que acadou a maioría dos sufraxios é alleo ao independentismo. Iso doe. Ciudadanos/Ciutadans é, entre outras cousas, unha edición 3.0 do liberalismo avant la lettre e españolista que engaiolara ao IBEX nos últimos tempos. Como pode sufrir iso o mundo indepe sen alporizarse. O mundo indepe éche un máis dos mundos de Yupi, un especialmente testán e arrogante. Alguén, tombado nun diván, debería confesar por que raios tiveron tanta présa, porque non puideron agardar, cos medios públicos na súa man e a educación ao seu servizo, a que o sentimento independentista sufrise unha metástase que ocupase 70 ou 80 por cento do tecido orgánico. E, xa de paso, que explicase tamén a orixe da teima en bater no tambor do procés, ca dor de cabeza que da iso nunha sociedade dividida e nun país farto. Alguén, tamén, debería dedicarse a contabilizar os cartos que se perderon por ese burato inútil. A demagoxia é cara. As aventuras persoais saen caras. Agora mesmo ese presidente que marchou do seu país ao día seguinte de proclamar nel unha república vive a corpo de rei no estranxeiro, presidindo non se sabe que, príncipe en Yuppilandia.

Mosén Junqueras, porén, asumiu o seu destino de mártir e adelgaza no cárcere acumulando réditos para o día en que pise libre o estado sometido de Cataluña. Engorda a súa reputación de líder consecuente, troca afouteza por prisión. Pode que se anime (quen no o faría?) a escribir unha memorias contando o lento que pasa o tempo por culpa de procurar meterlle présa ás cousas.

En canto a Anna Gabriel, luce agora anxelical en Suíza, exilio de mangantes. Xente da CUP no corazón das tebras. Algúns medios salientaron que foi aló na procura dun avogado (defensor) que amosou habilidades en defensa dalgún etarra. E din o de etarras dando por sentado que é sinónimo de bestas. Como se os seres humanos non puidésemos ser bestas. Anna Gabriel elixiu arranxar a o floco de kale borroka e trocar a roupa informal e unisex por algo con maior sex appeal e máis convencional. Preferiu esa mudanza ao cárcere, e a ver que llo afea.

O malo de facer ás cousas fóra do momento, en política e na vida en xeral, e que en menos que canta un galo te podes atopar militando no surrealismo. Despois de vulnerar leis pequenas, mediocres, medianas, medio-grandes, de talla XL, e de talla XXL, incluíndo preceptos constitucionais, os independentista só poden presentar diante de Europa un prego de aldraxes. Tamén é certo que non é pequeno: as trompadas policiais a civís no día do esperpéntico referendo. E aproveitaron a desfeita para berrar arreo polo atropelo. Os estudantes e os periodistas aos que fostiaron os mossos uns poucos anos antes por manifestarse contra o plan Bolonia, por exemplo, han de se acordar diso que se chama agravio comparativo. Pero isto son cousas do xogo político, un xogo que se fai coa vidiña da xente, de nós, meus pobres. Hai tanto engano, tanta mentira, no tambor do procés, ese que fai repenicar non con coiro de cacique senón co enfrontamento entre media poboación e a outra media, que parece o relato dunha impostura contado por un imbécil, por meter a Shakespeare polo medio. Hai tanta insensibilidade, tanta torpeza, nun goberno da nación que deixou ir ás cousas polo sumidoiro, que resulta difícil alimentar esperanzas dunha solución ao xeito.

O soño da razón produce monstros, titulou o xenial Francisco de Goya un gravado desacougante. O soño da razón produce situacións coma a de Cataluña, onde ningún ben se produce para o conxunto da poboación, sexa cal sexa a súa opinión neste conflito.

Comentarios