Opinión

Premio da concordia

DÍAS PASADOS concedéronlle o Premio da Concordia Princesa de Asturias á Unión Europea. Quedei sobrecollida, por non dicer asombrada, aloleada, conmovida, estupefacta, confusa ou alleada. Mesmo tiven que lembrar co dicionario diante unha definición axeitada de 'concordia' por se eu tivese unha especie de desvarío a respeito do verdadeiro contido semántico do termo. E realmente continúa significando acordo, conformidade, harmonía entre as persoas ou entre as cousas, e tamén, mesmamente, convenio ou pacto entre litigantes.

A leitura do acordo do xuri outorgante do premio non só non serviu para aclarar senón que logrou aumentar a miña confusión: "A UE distinguiuse pola colaboración na implantación e difusión no mundo de valores como a liberdade, os dereitos humanos e a solidariedade"; ademais, "estes valores proxectan esperanza cara ao futuro nos tempos de incerteza propiciando un exemplo de progreso e benestar". Dado que esta miña opinión de asombro sobre as excelencias en non-concordia, mesmo en espírito sumamente belicoso, da UE foi tamén manifestada en numerosísimas ocasións por pensadores de recoñecido prestixio, só hai dúas alternativas que expliquen a causa do tal nomeamento: unha, que o xurado outorgante está de acordo e ademais louva a política exterior da UE, e mesmo orgúllase da interior en temas laborais, de integración, de derrota da desigualdade, da busca da convivencia harmoniosa entre as distintas nacións europeas. Outra, que non son seres deste mundo e miran as cousas con ollos enteiramente distintos.

No primeiro dos escenarios, é case imposíbel esquecer a imaxe diaria dos naufraxios na mesma porta de Europa, inmigrantes e refuxiados —tanto ten o status, a morte acaba igualándoos— deseñan un bon resumo da política exterior da UE. Chega con observar a inacción e incumprimento dos compromisos e acordos internacionais en materia de refuxiados para contradicer enteiramente o texto do acordo de concesión. Semella que os alí reunidos e o común da cidadanía vivimos en mundos distintos. Mesmo o Papa Francisco lembra moitas veces á rica Europa o seu deber como implicada, á hora de resolver o conflito bélico orixe da onda máis numerosa de refuxiados. Non podemos presupor que, á mantenta, fagan uso da súa potestade premiadora para escoller o candidato máis ruín. Debe de haber outra razón. A única probábel é que non teñan os mesmos intereses que nós. É a máis plausíbel. Indaguei a composición dese xurado e pode ser que aí resida a explicación. Se actualmente o Ibex é un índice bolsístico que recolle os valores de cambio das 34 empresas cotizadas de maior liquidez de España (a semana pasada eran 35 pero caeu o Popular) podemos dicer que o xurado do Premio da Concordia da Fundación Princesa de Asturias está integrado por persoas de relevancia executiva ou representativa dunha boa ducia desas compañías do Ibex. Desde Repsol, Gas Natural, Fundación Banco Santander, Coca-Cola, Acciona, La Caixa,... até nobreza de título e diñeiro. Non pensaríamos nunca que a Fundación é sostida cos cartos da princesa que lle dá o nome; agora ben, poderían ser un pouco máis finos, afinar e atinar mellor cos escollidos para premiar.

Comentarios