Opinión

Prestixio institucional

DISCUTIUSE HAI uns días en sé parlamentar a calidade da actuación da Valedora do Pobo no relativo ao funcionamento administrativo da institución que dirixe. Dado que a leitura dos feitos constitutivos de debate procede dunha sentenza xudicial do alto tribunal TSXG, non había moita posibilidade de relato separado da propia sentenza. Díxose, e sempre dentro da textualidade da sentenza, que na mesma non foi xulgada a sra. Valedora, cousa totalmente acertada, á par de evidente (de non ser así nen habería lugar a debate), e resultou, logo dunha votación, que a maioría parlamentar do partido do goberno salvou temporalmente o encargo institucional, mentres non se pronuncie o Tribunal Supremo. Pódese mesmo opinar, que pouco apoio significa a resolución adoptada, xa que adiar a resolución do debate parlamentar en espera dunha sentenza superior non cambiará en absoluto (por mor do seu propio rol de Alto Tribunal) a cualificación dos feitos. E pódese tamén argumentar que da sentenza e mais das probas achegadas no Parlamento Galego, queda posto de manifesto que a responsábel da Institución do Valedor interveu no proceso de designación dunha candidata á promoción interna, polo que non hai moito máis que falar. Hai algunhas cuestións na vida nas que a lóxica binaria funciona perfeitamente: ou se intervén ou non se intervén. Non se pode estar preñada a medias. Os tons grises aquí non valen, ou é branco ou é negro, e, neste caso, houbo intervención.

O caso é que a institución de Valedora do Pobo quedou totalmente tocada, luxada, suxeita á sospeita, co que o padecemento non é persoal da sra. Valedora, senón do uso e goberno que se fixo dunha institución nada para defender, mesmo diante dos que ostentan o goberno, os dereitos dos administrados. As relacións dos cidadáns co goberno pasan a maioría das veces pola intermediación da administración pública cuxos últimos responsábeis son os gobernantes, pero a posibilidade de defensa dos administrados fóra dos xulgados atopa amparo na Institución do Valedor do Pobo como vixía e salvagarda dos dereitos dos cidadáns na súa relación coa administración pública, en busca e persecución do cumprimento da lei e da súa aplicación correcta. Mesmo nos casos en que nen sequer hai atención para os casos de necesidades non cubertas, a institución do Valedor contempla o seu funcionamento como promotora de iniciativas favorecedoras de accións gobernamentais acaídas. Gobernar e, no caso que nos ocupa, dirixir a maioría parlamentar, cun criterio de combate, non axuda nada, non colabora á necesaria pedagoxía política que desde a dirección das institucións democráticas se poida esperar, e no noso caso, mesmo desexar ardorosamente. As razóns desta necesidade son abundantes pero seguramente chega con unha: os cidadáns teñen unha terríbel tendencia a aprender condutas copiando, reproducindo, o exemplo dos responsábeis de goberno no cumprimento das leis, e toda canta norma, mesmo administrativa, emane daquelas. Que clase de esixencia social, de firmeza democrática, se pode esperar de quen, sen dar exemplo, máis ben ao contrario, verbaliza de maneira abusiva que a lei é a lei e hai que cumprila?

Comentarios