Opinión

Xa non hai escándalos

HAI QUE se dar conta dun dado moi interesante: ou ben a saúde dos galegos é de ferro —por exemplo, como a dos británicos, raza dura— ou ben as novidades políticas non lle afectan e, polo tanto, a saúde física e mental non se ve afectada pola cativa calidade das institucións que gobernan a nosa vida. A vida da xente en xeral, esa que sae nas estatísticas cunha esperanza de vida das máis altas de Europa, non semella que teña moito a ver coa calidade das institucións que teñen conta de nós. Se a vida en sociedade fose como un teatro de monicreques, estes días veríamos como están á vista todos os bonecos perfeitamente espidos, quedando ao descuberto os paus que sosteñen os títeres: estamos vendo quen move os fíos, quen ten conta dos pauciños e como é o traxe. Descobrimos que o partido gobernante anterior gozaba dunha composición interna moi pouco edificante, o que visto desde unha perspectiva social non é nen bon nen malo, todo depende do grau de tolerancia que os propios cidadáns lle outorguen á ética política: a tolerancia é moi elevada, por non dicer que tende a infinito.

Isto lévanos inmediatamente a outro pensamento: se ese grau de resistencia, de tolerancia, é infinito, obedecerá a que cumpre ben, moi ben, coas expectativas sociais, asumidas socialmente, quérese dicer, da función das institucións políticas. Semella que se prefere ter institucións de goberno, xudiciais e lexislativas de mala calidade. E, se esta preferencia se repite no tempo, é mostra de que obedece de forma palpábel a manifestación dunha preferencia social. Dado que —seguindo co fío do razoamento— non consideramos idiotas aos cidadáns, non cremos que se escolla á mantenta o malo podendo escoller o bon; deducimos que os intereses dos cidadáns quedan mellor a cuberto con institucións de calidade cativa que de boa calidade. Isto pode ser a súa vez por dúas razóns: unha, porque predomine a moeda mala sobre a boa (é máis fácil a difusión do mediocre que do bon) e sexa moi difícil reconducir o proceso, ou ben, que no medio do relativo río revolto sexa moi doado para o cidadán medio se desenvolver sen ter moita conta do cumprimento da lei. Só se cumpren ben as leis con sanción pecuniaria inmediata: por exemplo, as fiscais, as de tráfico, ou as administrativas que levan a algún tipo de incapacitación. A maior parte das restantes do universo legal son cando menos interpretábeis, traspasábeis, superábeis, violentadas ou simplemente non necesariamente cumpríbeis.

Vexamos, por exemplo, as leis incluíbeis na ordenación do territorio; vendo os resultados, só se poden pensar dúas cousas: ou que eran malas adrede ou que sendo aceptábeis nunca se cumpriron. Non fai falta ir moi lonxe, por exemplo, a propia administración pública foi a primeira en non dar exemplo. Escolas, centros de saúde, obra civil de infraestruturas, teñen levado por diante restos arqueolóxicos, espazos naturais protexidos, paisaxes irrepetíbeis ou zonas de obrigada reserva. Con este tipo de exemplos de actuación pública —semellante ao policía que aparca en prohibido cun coche oficial— pouco se pode esperar do cidadán.

Comentarios