Blogue | A lume maino

O mellor mundo posible

A MIÑA amiga A. asómase ós trinta coa sensación de quen se achega a un abismo. Di que dun tempo a esta parte o tempo corre baixo os seus pés e que a luceciña da maternidade empeza a acendérselle, malia que hoxe en día xa haxa neste país máis nais de corenta que de 25. N., con dez anos máis, quixo agardar para ter un fillo. Agardar a ter un contrato estable, agardar a ter unha vivenda coa súa parella. Agardar a ter unha rede que os sosteña se un dos dous cae no pozo do paro. Ás portas da clínica de fertilización cruza os dedos. A ver se á terceira vai, desexa con todas as súas forzas. S., da mesma xeración, nunca soubo que era iso do instinto maternal. Ser nai non entra nos seus plans, pero segue sen entender por que raios ten que explicalo, por que hai quen ‘frunce o cello’ cando di que está centrada na súa carreira, que as súas viaxes e os seus proxectos enchen o seu tempo e as súas arelas. Hoxe xa nin responde.

Tráioas aquí porque estamos de novo a enredar coa maternidade. Se hai unhas semanas Albert Rivera non dubidaba en proclamar que o maior agasallo dunha muller a outra é o da maternidade (subrogada), agora Casado está empeñado en recuperar un debate superado, que nin cae ben sequera nunha grande parte das ringleiras do seu partido: o da lei do aborto.

Quero pensar que todo isto non son máis que cortinas de fume que precisan algúns para desviar o foco do debate do verdadeiramente importante, ou para facerlles as beiras ós votantes que quedaron escorados á dereita da dereita. Pero paréceme moi perigoso e irresponsable volver poñer sobre a mesa propostas que nos farían retroceder 30 anos e perder algunha das nosas conquistas sociais.

Se o que queremos é falar de incentivar a maternidade, poñamos o acento na burbulla do alugueiro, nos contratos temporais, na falta de oportunidades para os máis novos, que seguen mirando alén das nosas fronteiras para albiscar un futuro próspero. Se queremos entender por que nacen poucos nenos, preguntémoslles a tantas familias cun só fillo por que quedaron coas ganas de ter un segundo. E respondamos que pasa coa conciliación. Que son os nenos chave, que pasan tardes enteiras sós mentres seus pais traballan.

Preguntémoslles ós pais e nais cantos cativos seguen quedando sen praza de gardería pública. Que pasa cos permisos de maternidade e paternidade. Se queremos acabar coa debacle poboacional ofrezámoslles garantías ós nosos estudantes, ás xeracións máis preparadas da nosa historia, co mellor dos escenarios para desenvolver as súas carreiras, para investigar, para ser punteiros no seu sector e medrar. Tratemos de recuperar ós que un día marcharon e frear a fuga de cerebros que aínda desangra este país. E miremos de fronte á inmigración como país emigrante que fomos.

Se queremos acabar co despoboamento do rural, botémoslle un ollo ás escasas oportunidades que agora teñen os que viven do campo ou por el. E ós servizos perdidos en nome dos recortes.

E se queremos falar de soster as pensións esixamos que se devolvan ás arcas todos os cartos roubados pola corrupción, por ir empezando. Falemos claro, pero non tratemos de crear debates que xa non existen e deixemos de enredar coa maternidade. Coidemos das familias, de todas as cores e tamaños, porque nos vai o futuro niso, e respectemos ás mulleres que deciden ter tres, cinco, un ou ningún fillo.

No que sen dúbida coinciden todas é en querer deixar ás crianzas o mellor mundo posible, pero desde logo este non é o camiño.

Comentarios