Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Como chegar sen coche a unha cidade sen coches

O MEU primeiro encontro con Pontevedra rematou dando voltas arredor dunha Praza de Barcelos ateigada de coches no comezo do milenio. Os condutores agardaban en dobre fila por un sitio para estacionar o vehículo e mailo cabreo. Mosquera anunciaba a peonalización como a aposta que mudaría o destino dos veciños e estes mirábanse estrañados. Algúns comerciantes levaron as mans á cabeza ata que, tempo despois, descubriron as bondades dun modelo pensado "para gozar camiñando".

Case dúas décadas e varios gobernos do BNG máis tarde, aquel proxecto é unha realidade premiada a nivel internacional, que converteu a Pontevedra no espello no que hoxe se miran cidades de todo o mundo. Iso si, cunha espiña que aínda ninguén foi quen de sacar. Se é esta unha cidade sen coches, que con cada reforma engule as pouquiñas prazas de aparcadoiro que lle quedan, que presume de non ter polución, nin accidentes mortais nas rúas, que conta con camiños escolares seguros e un centro histórico libre de vehículos —agás nas longas horas dos servizos hostaleiros— ... Como chega un ata ela? Cal é a alternativa? Cada día a Boa Vila recibe a miles de veciños da comarca que fan as súas xestións ou a súa vida enteira nela. Por que non unha senda peonil que una Poio con Pontevedra, un camiño ciclista, por exemplo, que enlace dous concellos que comparten moito máis que cidadáns?

O Plan de Transporte Metropolitano tiña que empezar a funcionar este ano, pero aínda están os municipios da zona anunciando a súa adhesión (Sanxenxo onte mesmo) e, dado o ritmo que leva o proxecto, todo apunta a que os prazos se volverán atrasar. É esta a única urbe galega onde o autobús é unha rara avis e o taxi antóllase demasiado caro para desprazarse a miúdo entre municipios. Que pasa se queres facer da filosofía da cidade a túa filosofía de vida?

Como chegar sen coche a unha cidade sen coches
Comentarios