Opinión

Promesas veñen e van

MENTRES ESCRIBO estas liñas, varias dotacións de bombeiros armados con motobombas e helicópteros e veciños cos folgos e o corazón mergullados nos canastros da vendima loitan contra o lume no cumio dunha das paisaxes máis ricas. Alomenos ata onte. Ó ritmo das teclas vai aumentando a desesperación. Miles de hectáreas reducidas a cinza en dous días. As imaxes que agroman no solo do Xurés descubren a vida vella do rural galego ennegrecida e asustada pola altura dunhas lapas que lles falan ás casas. Ó tempo que avanzan as liñas corre a lingua de lume monte abaixo, empuxada pola calor abafante deste estraño verán e a complicidade do Nordés. Onte foi Ourense, e Pontevedra, que ten un ollo posto no 2006, anda co corazón nun puño cada vez que xorde a alarma, por pequena que sexa. Mentres, arrinca a maquinaria das eleccións galegas. Van abrindo as bocas os que nos representan ou queren facelo a partir do 25S. Lanzan as súas promesas ó aire. Proxectos que leva o vento traidor de setembro alí onde hoxe non só arde o monte, senón tamén os devezos de todos os galegos. O peor é que o estabamos agardando. O peor é que volvemos deixar soa á terra. E se a pisamos só para contar votos a ver logo onde poñemos os parques do noso futuro.

Comentarios