sábado. 11.07.2020 |
El tiempo
sábado. 11.07.2020
El tiempo

Camiñando utopías

Sospeito que son moi poucas as persoas que non desexan a paz, mais son moitas as que erran o camiño. Érrano porque, como dixo Mahatma Gandhi, que disto sabía abondo, "non hai camiño para a paz, a paz é o camiño". O diálogo ha ser, xa que logo, no espazo común do respecto mutuo, a non agresividade e a xustiza. Se o punto de partida é un cúmulo de rancores, desacordos e cambadelas, a pomba voa lonxe.

Claro que a paz é unha utopía. Nunca simpaticei cun político que aló, nos duros anos da crise, se declarou inimigo das utopías, ao asegurar que nin corrían tempos para elas, nin a xuventude lles daba creto.

Seica agora a crise volverá petar na porta -xa o está facendo e tócanos coñecer o rostro das distopías, esas sociedades non desexábeis que arrepían. Fertilizadas polo medo, son campo propicio para todo tipo de extremismos e calotes. Calotes, si: estafas das economías por parte dos de sempre, os preeiros da miseria e, o que é peor, da nosa dignidade e dereitos.

Toca, xa que logo, poñer rumbo ás utopías; horizontes que, malia afastárense conforme camiñamos cara a eles, tiran de nós e non nos permiten entregarnos á derrota.

Falo das grandes guerras e das que cualificaríamos de pequenas se non soubésemos que moitos enfrontamentos sociais son o principio da gangrena que pode levar a morte aos pobos. Por iso me aterran os enfrontamentos -que non confrontamentos de ideas- que estamos a ver no ámbito da política, entendida como unha disputa permanente polo poder. Glosando a John Lennon, se todo o mundo pedise paz en troques dun escano, daquela habería paz (o Beatle falaba dun televisor, metáfora do consumismo).

Hoxe, 29 de maio, conmemóranse dous feitos ben significativos. En plena revolución francesa, no 1791, emprégase por primeira vez o lema Liberdade, Igualdade, Fraternidade na Sociedade de Amigos dos Dereitos Humanos. Alí se discute se os soldados deben levar esta inscrición nunha placa sobre o peito. Fermoso, se non portasen armas para matar aos doutro estamento social. Fermoso tamén se esa igualdade alcanzase as mulleres, máis da metade da poboación.

Así mesmo, tal día coma hoxe, hai 72 anos, creáronse en Nova York as Forzas da Paz das Nacións Unidas, os coñecidos como cascos azuis. Como saben, son militares que actúan baixo o mando do Consello de Seguridade da Onu. Porén, en que casos ou a que casos acoden? Están na mente de todas e todos nós que, como constatamos, se non hai intereses económicos ou estratéxicos, abandonan os países á súa sorte. De calquera xeito, soa a paradoxo defender a paz coa forza.

Se queremos futuro, declaremos a paz entre nós e coa terra que nos acolle.

Todo o demais virá con ela.

Camiñando utopías
comentarios