Opinión

De cidades e poetas

Xa estivera en Soria hai anos. Volvín nesta primavera á Laguna Negra (con bastante neve aínda), a San Saturio, á igrexa e restos do que foi mosteiro de San Juan de Duero, así como a outras construcións relixiosas ou civís que falan dun pasado máis florecente que o momento actual. A poboación vai a menos malia ter aumentado moito con relación aos tempos en que Machado impartiu aulas de francés na cidade (daquela, arredor de 7.000 habitantes).

É curioso o rendemento que lle tiran as institucións locais á estadía do poeta sevillano na cidade do Douro. Só cinco anos que fan agora omnipresentes a súa imaxe e os seus textos. Non hai dúbida de que segue vivo alí onde coñeceu, amou e chorou a Leonor, á que lle levaba moitos anos cando se desposaron (tiña trinta e catro el; quince, ela) e que o deixou viúvo con só dezaoito.

Non sei cando deron en chamarlle a Soria a cidade dos poetas. Reivindican tres de gran significación. Ademais do xa amentado, o santanderino Gerardo Diego, pertencente á chamada xeración do 27, que tamén foi profesor na cidade. E, por último, aínda que antes no tempo, Gustavo Adolfo Bécquer, así mesmo sevillano. Podería semellar que o feito de ter casado con Casta Esteban, de Torrubia (Soria) non xustifica que o adopten como propio, mais é sabido que pasou longas tempadas en Noviercas e que moitas das súas lendas se sitúan en poboacións sorianas e mesmo na capital, como é o caso de El rayo de luna ou El monte de las ánimas.

Temos na Galiza un incuestionábel activo no eido literario: Rosalía de Castro. Porén, non lle tiramos o proveito que merecen a súa obra e a súa persoa. Non sei se é menosprezo do propio, medo ao seu pensamento revolucionario, se ben se le, ou pura e dura ignorancia.

A idea de revolución non ten que remitir a guerra nin a violencia, senón a cambio para ben. E, desde logo, non semella que sexa para ben a dos que ven delito en que, a reivindicar a nosa historia, Manuel María cante a epopea dos chamados Mártires de Carral. Semella que, na práctica estamos obrigados a ignorármonos. Cantos galegos e galegas saben que no cuartel de San Fernando de Lugo se iniciou, ao mando de Miguel Solís, o levantamento progresista de 1846? O militar morreu fusilado con once dos seus oficiais. Os que piden que se retire o mural da cidade da muralla cos versos de Manuel María, tamén terán que esixir que borren o nome de Juana de Vega dunha rúa coruñesa, porque a condesa de Espoz y Mina, progresista, non se librou da sospeita.

Quérennos retrotraer aos tempos en que Chicho S. Ferlosio cantaba: "Nos juzgan y condenan / en nombre de la paz / cada vez que pedimos, paloma, /justicia y libertad".

Comentarios