Opinión

Ela e os hospicianos

CON FRECUENCIA a vida non fai xustiza aos seus heroes, sobre todo se son heroínas. A recuperación da memoria de mulleres que fixeron grandes achegas á humanidade é unha conquista do feminismo. Así, o caso de Isabel Zendal Gómez, a enfermeira e rexente do hospicio da Coruña que, xunto co médico Francisco Balmis, levou a vacina da varíola a América.

Sempre nos falaron de Agustina de Aragón ou de María Pita, participantes en accións bélicas defensivas, a actuaren despois de que moitos homes sucumbisen na contenda. Ou de Xoana de Arco, a Doncela de Orleáns, fundamental na fin da Guerra dos Cen Anos, na Francia de Carlos VII. Porén, para a historia, maiormente reservaron as que consideraron perversas. Falaron de traidoras, como Tarpeia, a etrusca que, segundo a lenda, foi desleal con Roma ao abrirlles as portas aos sabinos, guiada pola ambición que, á fin, lle ocasionou a morte. Ou de Mesalina, a terceira muller do emperador Claudio, maquinadora, mórbida lasciva, asasina. E, como non, de Eva, a mítica nai do xénero humano, disque culpábel da perda do Edén e da nosa propia vulnerabilidade.

Soubemos da expedición a América pola oda que lle dedicou á tal fazaña o poeta Manuel José Quintana en 1806. Na epígrafe inicial nomea ao director, o xa amentado Francisco Balmis. Nin o nome da enfermeira, nin o dos nenos, falecidos algúns na travesía, se len en ningún verso. Hai, iso si, unha alusión a Inglaterra. Porque fala de Albión, como saben, o nome máis antigo da illa de Gran Bretaña. Claro que non a alcuma de pérfida, tal como fixo Napoleón Bonaparte a estender o cualificativo entre os anglófobos; mais insinúa falta de solidariedade. E, sendo o inventor da vacina, Edward Jenner, inglés; malia se referir á bondade do seu invento, escribe: "El don de la invención es de Fortuna,/gócele allá un inglés; España ostente/su corazón espléndido y sublime". Esta oda do laureado poeta nacional de mans de Isabel II, hoxe provócanos hilaridade con cousas tan inxenuas como referirse á vaca así: "la esposa dócil del celoso toro".

Ángeles custodios (2010), de Almudena de Arteaga; A flor de piel (2015), de Javier Moro; Os nenos da varíola (2017), de María Solar, e Isabel Zendal Gómez en los archivos de Galicia (2018), de Antonio López Mariño, rescatan do esquecemento esta figura fundamental na expedición filantrópica. Unha nai solteira que, malia recibir un salario semellante ao dos homes por decisión de Balmis, pobre, reclamará até a fin dos seus días unha pensión para o fillo desde alén mar.

E os malpocados orfos, criaturas-reservorio, coa estraña tatuaxe do virus na pel. Canta dor que non elixiran!

Comentarios