Opinión

O aroma do café

NUNCA FUN MOI cafeteira, mais os anos fóronme ensinando que as sementes do froito do cafeto —dúas por drupa— posúen capacidades verdadeiramente máxicas. Abonda o seu recendo para experimentar a chamada á vida e o movemento. Dito con todo o respecto, é como o levántate e anda evanxélico; porque resucitar, resucita os mortos.

Non falo de calquera café. Estou certa de que unha proporción non pequena dos entre 1600 e 2000 millóns de xícaras que se consomen diariamente no mundo, distan moito de posuír as calidades que se lle piden a unha boa infusión do produto ao que Picander (pseudónimo do poeta Christian Friedich Henrice), por boca da moza Lieschen, cualificou de máis saboroso que mil bicos e máis doce que o viño moscatel.

Un bo café debe estar ben tostado, mais sen queimar. O aroma é, quizais, o mellor indicador do seu punto. Ha ser un cheiro expansivo e fresco, que non evoque vellez nin exceso de torradura. O sabor, máis ou menos acedo ou doce, corresponde ás distintas variedades e gustos. O amargor non debe ser precisamente unha característica desta bebida e, se o ten en exceso, débese a un tratamento non axeitado.

Mais non vou seguir por este camiño, sobre todo porque son leiga na materia e non lle podo achegar ao lector ou lectora certezas que eu non posúo, agás unha: o café é mellor se se moe no momento de preparalo. Seguro que xa o saben.

Tampouco contarei nada novo se falo do café máis caro do mundo, o chamado kopi luwak, do que un quilo custa 2.241 euros. Iso non fala de que sexa o mellor, senón dos caprichos dos epulóns, aínda que o xustifiquen atribuíndolle maior suavidade. Tras a súa produción, hai un claro caso de maltrato animal. Extráense os grans das feces das civetas que os enguliron primeiro. Como o negocio se fixo próspero, deron en manter estes mamíferos en gaiolas diminutas, auténticas cámaras de tortura, ocultando que non se trata de animais libres, no seu estado salvaxe, para manter tan altos prezos.

O Picander citado foi o libretista da composición de J.S. Bach titulada Cantata do Café. Trátase dunha peza humorística, con algunha chiscadela erótica, ridiculizando a moda crecente do café entre os burgueses de Leipzig e tamén de toda a Europa do XVIII. Lieschen, a protagonista, só está disposta a deixar o vicio do café, como o pai lle ordena, a cambio de casamento. Lánzase este a lle buscar parella, mais ela garda un as na manga: corre a voz de que non aceptará máis que ao home que asine no contrato de esponsais que lle deixará tomar canto café queira. Se o de civeta circulase por alí, o futuro cónxuxe tería que pensalo dúas veces.

Ah, hoxe é o Día Internacional do Café.

Comentarios