Opinión

Estrela ou espada?

A gran coñecedora de símbolos e mitos, Nadia Julien, di que a estrela de David, emblema do xudaísmo de onte e de hoxe, representa a paz e o equilibrio. Gran paradoxo se reparamos na maldade pura e dura de quen levan o temón da nave. As persoas que nos conmovemos coas historias e fotografías do holocausto, somos as mesmas que choramos o masacre do pobo palestino. Dóenos ver como as vítimas se converten en vitimarios e practican un xenocidio semellante en vileza ao que padeceron.

É moita a xente que descoñece as orixes do conflito. Non saben que os xudeus, despois de estaren na diáspora e de sufriren persecucións nos diversos países en que se asentaron, quixeron un territorio propio que lles garantise a seguridade dunha patria física, alén da simbólica que sempre conservaron. Despois de consideraren distintos enclaves -seica, entre outros, a Pampa arxentina-, mercaron terreos nos lugares das súas orixes e declararon o Estado de Israel. Os palestinos, asentados alí desde sempre, foron expulsados e desposuídos do seu. Se agora a maioría son de relixión musulmá, débese á conquista por parte dos árabes rematada en 635. Porén, como demostran rigorosos estudos do ADN, tanto os musulmáns daquela zona, como os xudeus, comparten a maior parte de cromosomas.

A terra prometida aos israelitas, a que había destilar leite e mel segundo o Antigo Testamento, destila agora sangue e veleno.

O período de Mandato británico (1920-1948), co compromiso de permitir a formación dun Fogar Xudeu, deu na situación que se vive hoxe, certamente difícil de reverter (Neste escenario móvese o mítico Lawrence de Arabia (1888-1935), militar que serviu de enlace durante a primeira guerra mundial entre o alzamento árabe e o imperio otomán ao que pertencía este territorio). Mais o asunto é o suficientemente complexo como para non poder ser resumido nunhas liñas. Acaso subliñar soamente que os palestinos, pobres, loitan pola supervivencia; Israel, rico, polo dominio e eliminación do antedito pobo.

Non se pode dicir, por tanto, que neste momento, a estrela de David sexa símbolo de paz e equilibrio, senón de belixerancia, inxustiza e mesmo xenocidio. Mais os de sempre, Onu incluída, por acción ou por omisión, están cos máis fortes.

Habemos calar diante de tanta morte e destrución evitábeis? Que mal fixeron os habitantes de Gaza e Cisxordania para non teren dereito a, simplemente, viviren? Que pecado as criaturiñas que nacen e morren entre bombas?

Como escribiu o poeta: "Impedíchesme nacer na casa dos meus devanceiros [...] en lugar diso, unha tenda da Cruz Vermella". 

Comentarios