Opinión

Facer medrar ou desmedrar o mundo

NINGÚN ACTO de amabilidade é pequeno. Cada acto compasivo fai máis grande o mundo". Así se pronuncia a escritora e artista norteamericana Mary Anne Radmacher. Unha súa mensaxe circula en camisetas, eses soportes que, ás veces, inclúen pensamentos tan construtivos como o da persistencia na loita diaria: "A valentía non sempre roxe". A frase complétase deste xeito: "Ás veces é a voceciña á fin do día que di: mañá heino volver intentar".

Quen roxe é a intolerancia e inhumanidade dos que ven aos estranxeiros, se son pobres, como unha ameaza. Claro que non teñen reparos en explotar esa man de obra en condicións próximas ao escravismo.

Dubidei se escribir este artigo, porque xa correu moita tinta e se ouviron diversas voces arredor do xesto de Luna, a voluntaria da Cruz Vermella que acolleu nunha aperta o desespero do mozo senegalés Abdou, exhausto tras a travesía a nado desde a costa de Marrocos á praia do Tarajal, en Ceuta. O home sumaba á propia situación a dúbida da sorte dun irmán, tamén empeñado en fuxir da miseria. A última imaxe del non axudaba ao optimismo.

Entre todas as manifestacións, as do eurodeputado español Hermann Tertsch, de Vox, é paradigma de vileza. Escribiu en twitter: "La víctima y la salvadora o el abusador y la idiota. Toda una representación de Europa haciendo el gilipollas". Non lle vai á zaga a xornalista Cristina Seguí, cofundadora do mesmo partido, quen desde unha mente noxenta deixou tamén o seu chío na rede, malia que despois o borrou. Fala de decadencia moral e refírese ao inmigrante deste xeito: "Oenegista abrazando a un ilegal tras pasar cuatro minutos en las gélidas aguas mediterráneas, y él aprovechando la turgencia de sus senos…".

Seguíronse comentarios de toda caste, algúns a teor destes dous arroutos; moitos máis, de solidariedade coa rapaza e o seu xesto tan humano. Por iso non quero deixar de expresarlle o meu agradecemento a Luna e a todas as persoas que axudan, neste caso desde a Cruz Vermella, a aliviar as feridas do mundo. A actividade delas e doutras ONGs, é cualificada polos anteditos de buenismo. Se este feito o é, Deus o dea. Só quen actúan así e quen lles dan apoio, están a reparar, aínda que sexa minimamente, unha inxustiza de séculos.

Continuarán a falarnos de globalización, mais ben se sabe que non é destino común de cantas e cantos poboamos a Terra, senón patio de operacións mercantís, sempre a favor duns poucos, nunca en aras de rematar coa pobreza de moitos. E calaremos porque, como dixo o Papa Francisco, o que si se globalizou foi a indiferenza. Porén, contra ela, o abrazo de Lúa é un deses pequenos xestos que fan máis grande o mundo. Así, talvez un día deveña colo xigante.

Comentarios