Opinión

Que non nos obriguen a ser felices, ou si?

Nisto dos libros, servidora sempre foi moi de Jorge Luis Borges, o home que imaxinaba o Paraíso como unha gran biblioteca. "El verbo leer, como el verbo amar y el verbo soñar, no soporta el modo imperativo". É, xa que logo, para el un territorio de liberdade.

Xa antes de coñecer o seu aserto, xamais obrigaba o alumnado a ler un determinado título se non conseguían que o propio libro tirase deles ou delas. Adoitaba dicirlles que, se lles caía das mans, o deixasen caer. Porén, debían seguir buscando até acharen un do que sospeitasen que levaba o seu nome, que lles estaba destinado.

A este artefacto tamén o cualifica Borges como o máis asombroso porque é unha extensión da imaxinación e a memoria, a diferenza doutros que o son da vista (telescopio e microscopio), a voz (teléfono) ou o brazo (espada, arado).

Hai unha lenda pola Mariña de Lugo que fala dunha fonte de auga milagreira, que garante longa vida a quen sacie a sede nela. Non se sabe onde está, polo que é imposíbel constatar a súa existencia. Nunha publicación que fixeramos no CEIP de Xove, puxerámoslle por título A fonte da vida longa. Aludiamos asemade ao suposto manancial e á memoria que alonga a existencia.

Iso é, ademais de moitas outras cousas, un bo libro. Un marabilloso xeito de alongar os límites da existencia, de vivir moitas vidas en unha.

Dise que agora non se le, mais coido que non é certo. Xa se sabe que a edición e venda de libros non se corresponde exactamente co número de lectores e lectoras. Hai xente á que agasallan con obras que non le, mais tamén é raro que un mesmo exemplar non chegue a máis persoas que a que o posúe.

Arguméntase que as novas tecnoloxías son unha dura competencia, mais esquécese que, se sabemos aliarnos con elas, poden ser unha boa ferramenta para animármonos a ler en formatos tradicionais clásicos de hoxe e de sempre. Vargas Llosa, por outra parte, asegura que a literatura sempre será máis superficial se desaparece o libro. Considera que quen escriba para ser lido en pantalla ou tableta, en aras dunha pretendida democratización, será máis banal e acaso máis frívolo. Enténdese que, se a calidade baixa, o que se democratiza non é, en rigor, cultura.

Cúmprense hoxe 405 anos do pasamento de Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso. De aí a celebración do Día do Libro. Non tiñan estilográficas, bolígrafos nin ordenadores. Sempre abondou co xenio creador e o coñecemento da lingua.

Aquí a nosa lingua, matriz de obras de arte inesgotábel como declarou Castelao, está viva e operativa nelas. Velaí a onde temos que acudir para sabermos de nós e non nos perder no esquecemento.

Comentarios