Opinión

Nós xogamos, eles gañan

MARGARITA, UNHA amiga boticaria chea de solidariedade e conciencia ética, pídeme que utilice este espazo para alertar dun perigo que, como moitos outros, nos axexa sen que aínda se lle dese a megafonía precisa.

A pregunta bíblica que fai Cristo retoricamente, deberiamos facérnola nós á hora de adoptar o consumo de calquera bebida ou alimento novos: "Que pai entre vós, se o fillo lle pide pan lle dará unha pedra e se lle pide un peixe lle dará unha víbora?".

Víbora ou, no mellor dos casos, pedra veñen sendo Red Bull e Monster para os seus consumidores nenos e mozos, nenas e mozas. Porque se sabe que o 25 por cen dos comprendidos entre tres e dez anos consomen este tipo de bebidas enerxéticas, porcentaxe que se eleva ao 66 por cen nos adolescentes.

Red Bull GmbH é unha compañía austríaca que, inspirándose na bebida tailandesa que mercaban os condutores nas gasolineiras para non adurmiñar ao volante, elabora e comercializa este produto. O nome disque vén de touro porque un dos seus compoñentes principais é a taurina, extraída por primeira vez do fel deste animal. Porén, este aminoácido está presente tamén noutras partes e produtos orgánicos. O Red Bull inclúe así mesmo cafeína e azucre entre outras substancias supostamente beneficiosas.

Pola súa parte Monster, producida pola alemá Hansen Natural, declara que a súa bebida leva azucre, cafeína, guaraná, inositol, maltodextrina, L-carnitina e glucuronolactona. A maioría destes nomes non nos din nada ás persoas leigas na materia, mais as entendidas advirten do risco que supón o abuso delas.

Ademais da obesidade debida ao consumo de azucre, seica están a debutar determinadas esquizofrenias dez anos antes do que adoitaban facelo. Fálase de que pequenos que son malos comedores van ao colexio co único almorzo dun Red Bull ou un Monster. A excitación que lles produce seguramente ten a ver co TDAH (trastorno por déficit de atención e hiperactividade) e, en todo caso, ocasiona problemas escolares semellantes.

Para maior dano, a proporción de cafeína dunha soa lata supera con creces a dose aconsellábel; canto máis, se a inxesta é de varias ao día. Así consta nun estudo realizado por Aesan (‘Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición’) que o ministro de Consumo tivo en conta para subliñar a necesidade de lexislar ao respecto. A directora do traballo, Carmen Rubio, alerta de problemas hematolóxicos, cardiovasculares, neurolóxicos e psíquicos.

Despois disto, conclúese que os nenos non deben consumir este tipo de bebidas e, os adultos, limitadamente. Non hai que xogar coas cousas de comer. Os fabricantes sempre gañan e nós perdemos saúde.

Comentarios