Opinión

Oes ou escoitas?

SEMPRE SE dixo que existen moi poucos sinónimos perfectos, afirmación coa que é doado concordar se atendemos aos matices. Os matices: velaí a nai do año. Mais sucede que os matices non atopan moito espazo nesta cultura de mensaxes fanadas e iconas ambiguas.

Con frecuencia, nas intervención públicas, quen toma a palabra pregunta: "Escóitase?" A que isto escribe adoita responder: "Escóitase, mais non se oe" ou "escóitase e óese". Recibo miradas diversas, de estrañeza, unhas; de consenso, outras; sorprendidas, a maioría.

Hai que recordar que escoitar é un acto voluntario que ten como propósito oír ou ouvir. Podemos oír sen escoitar e podemos escoitar sen oír. O gran problema do mundo, nomeadamente do mundo con poder de decisión, é que oe, mais non presta atención, non escoita. Como se explica, se non é así, o feito de estarmos guindando pedras sobre o propio tellado, a ignorar as advertencias de quen sabe?

Escoita, por exemplo, a presidenta da Comunidade de Madrid o mandato de rebaixar o consumo enerxético? Evidentemente oe e por iso replica: Madrid no se apaga. Porén, non escoita e daquela o que se apaga é a súa capacidade de razoar sobre as consecuencias das propias arroutadas.

Escoitan as grandes potencias contaminadoras os laídos da natureza na voz das catástrofes climáticas, xa que non nos argumentos dos científicos? Non o parece. Máis ben semella que actúan coma os malos traballadores, os do "tente, masa, mentres o canteiro pasa", atentos só ao propio proveito, nun presentismo destrutor.

E nós, escoitamos cando nos advirten da necesidade de cambiarmos moitos dos hábitos que non nos podemos permitir? Pensamos nos dereitos da xente nova, fatalmente obrigada a pagar a factura da nosa desfeita?

Dise que un pesimista é un optimista ben informado. Talvez fose mellor buscar información para sermos optimistas, o que equivalería a desbotar o que nos prexudica e fomentar o que nos protexe. Porque o pesimismo é desistencia, entrega á derrota e o optimismo é confianza na humanidade. Non a de quen senta esperando o maná que cae do ceo, senón a que procura activamente unha solución.

O do pianista Ronald Valentino non é mal consello: "Pensa en positivo, en lugar de escoitar aqueles que din que no podes facer algo, escoita o teu propio monólogo interno que che permite intentalo de novo e achar un xeito de lidar con calquera problema que se cruce no teu camiño". Secasí, o monólogo interior tamén ha ser alimentado co diálogo con outras persoas. Para dialogar é imprescindíbel escoitar.

Sei de un que pasou o día coa orella pegada a unha porta e non oíu nada. Á noite, concluíu que a casa estaba baleira.

Comentarios