viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

Un pasadizo secreto nas mans

Aínda que isto aconteceu hai poucos días, non recordo o seu nome, se é que o era aquel co que asinaba o escrito que tiña á beira. Nel pedía axuda para pagar o cuarto da pensión. O nome que esquecín era rotundo, talvez Lola, a preceder un apelido bastante frecuente. Soaba a marca de roupa feminina ou a personaxe literaria, sen chegar á contundencia do de Imperia Raventós, a protagonista dunha ficción de Terence Moix; mais había autoafirmación na sinatura.

Sentada na soleira dun portal, nunha céntrica rúa da cidade, a muller estaba mergullada na lectura dunha novela de moitas páxinas. Semellaba un deses súper vendas de amor e intrigas, se nos atemos ao deseño da cuberta. Non me foi posíbel ler o título.

Non a inmutou o son das moedas, ao petaren no fondo do recipiente baleiro. Ningunha palabra de agradecemento, ningún xesto. Porén, non o interpretei como ingratitude. Simplemente, ela non estaba alí. Aquel libro era o pasadizo secreto polo que Lola -poñamos que ese era o seu nome- fuxira cara a un mundo menos inhóspito.

Endexamais saberei por que vieiros a muller arribou ao país dos excluídos. Mala cabeza? Mala sorte? Erros propios ou alleos? Que máis ten. O triste é o punto no que se acha a súa vida. O lamentábel é que unha persoa emprenda unha aventura sen heroes, por non ter ao seu carón alguén que lle axude a rectificar a traxectoria. O que máis doe é a indiferenza con que observamos estas cousas.

Coido que a aporofobia -termo que acuñou a filósofa valenciana Adela Cortina-, o odio ás persoas carentes de recursos, non só atinxe a quen fai patente ese odio co seu desprezo e violencia. Os gobernos e administracións que non se moven ou fan pouco por atallar o problema, tamén padecen esa desorde e deberían facer unha terapia antes de se dedicaren á cousa pública.

Horace Mann (1796-1859), o escritor e político norteamericano considerado Pai do Movemento das Escolas Comúns, deixou dito que unha casa sen libros é como un cuarto sen xanelas. El, que era partidario dunha educación universal, sen sectarismos, cun concepto moi moderno, afastado da aprendizaxe memorística, na procura da eficacia social e a formación do carácter, sabía ben que os libros nos permiten asomarnos a outros mundos e coñecer mellor o propio.

Lola non ten casa de seu e, daquela, tampouco ten cuarto propio. Así as súas ventás penduran no ar, como os cadros na casa da ausencia do poeta chileno. Mágoa. Secasí, son firmes para ela os esteos do pasadizo -as páxinas- polos que se evade ao país da xustiza poética.

Fóra non ve outra certeza que o frío, a fame, o labirinto da néboa e as olladas múltiples.

Un pasadizo secreto nas mans
comentarios
ç