Opinión

Un poema que levar á boca

Debo acudir A Luís Pimentel, ao seu poema A poesía é o gran milagre do mundo, para me dicir o que el se dixo e non facer xuízos temerarios: ‘Estou arrepentido de pensar/que o máis brosmo e brután dos homes/non poida descalzarse/pra entrar no noso reino’. Porén, nalgúns casos, custa traballo acreditar nesas palabras. 

Custa traballo porque, se ben é certo que a poesía é de quen a precisa, como nos ensinou o carteiro de Neruda na novela de Skármeta devida filme por obra de Michael Radford, tamén é verdade que esixe usos nobres, alén de agres debates protagonizados polos que a ignoran na súa praxe diaria. 

E é que a poesía admite todo e todo pode ser poesía (todo, non calquera cousa). Pódese ler, escribir, berrar, memorizar, esquecer, mais non ignorar. Secasí, adorna moito, suxire erudición e enxeño e, por iso, algúns e algunhas que non adoitan frecuentala, procuran en ocasións un poema que levar á boca.

Para estes non é a necesidade do pan que dita a fame (Poesía, necesaria como el pan de cada día, Gabriel Celaya dixo), é o exhibicionismo do que non se ten. E tamén, hai que llelo admitir, o recoñecemento da eficacia expresiva das palabras ben escollidas, das frases lapidarias. 

Non lle debo apoñer ignorancia no eido literario a ninguén, mais a reiteración de erros de vulto por parte dalgún coñecido político non suxire outra cousa.

Manuel María propugnaba que a poesía fose lectura obrigatoria entre os servidores públicos. Sen dúbida é unha filosofía humanizadora, válida e accesíbel para quen se achegar a ela en son de paz e coa mente libre de prexuízos. 

Aínda asumindo o anterior, tampouco se poden perder de vista exemplos ben afastados disto. O primeiro movemento de vangarda italiano, o futurismo de Filippo Tommaso Marinetti, serviu de fundamento teórico para o fascismo. Máis achegado aos nosos días, Radovan Karadzic, psiquiatra, poeta e político serbobosnio, foi condenado a cadea perpetua por xenocidio e outros crimes contra a humanidade. Merece a pena ler, por exemplo, o seu poema Adeus, asasinos para entender como a voz poética é tamén a voz do poeta, a voz autorial: Adeus, asasinos, semella que a partir de agora as aortas dos xentís fluirán sen min/a derradeira oportunidade de me manchar de sangue/deixeina pasar.

Google e outras vías de internet, son, tamén para o tema que nos ocupa, unha arma de dobre fío. Confúndense autores e autorías, difúndense textos apócrifos, detúrpanse orixinais desde o descoido e a impericia ou sitúanse ao mesmo nivel o ouro e a purpurina.

Daquela, cómpre acudir á certeza do papel. E cómpre, sobre todo, entrar no seu reino sen roupa.

Comentarios