Opinión

Seica non é para tanto

Chamareille animaliño ao arcebispo de Asturias? Pois por menos non paso. É ben seguro que lle cómpren ese e outros cualificativos que non esgotarían o repertorio dos que nel son epítetos. (Epíteto: Adxectivo que engade ou subliña unha calidade característica do substantivo ao que acompaña). 

No seu esperpéntico sermón do día 8 de setembro en Covadonga, Día de Asturias, este paladín do integrismo e por tanto acérrimo defensor do programa de Vox, aludiu, sen citalo, ao episodio do bico de Rubiales. Leyenda del beso, dixo, e arremeteu contra o empoderamento feminino, a política medioambiental do Goberno, e canto lle soou a progresismo. Por certo, referíndose a esa zarzuela con música do noso Reveriano Soutullo e de Juan Vert, fala de sainete o erudito. 

E terán perdón estas persoas que disparan contra todo o que intenta frear a destrución da terra e atallar os feminicidios desde as súas causas? Non sabe o monseñor que xa son 44 as asasinadas no que vai de ano? Ah, mereceríano por seren mulleres "manipuladas na súa condición feminina". 

Alguén lle terá que tapar a boca para que non confunda, a meter o cristianismo na súa lameira de desbarres. De feito, un bispo daquela comunidade, así como cregos e crentes, apresáronse a declarar a súa discrepancia cun dignatario que non os representa.

Non é preciso que subliñe a normalidade histórica da teoría e práctica da violación e maltrato. Aínda foi onte cando escritores como aquel que comparou o saibo das mulleres acosadas co da caza, ditaban leccións de violencia e non pasaba nada, alén dunhas cantas protestas de feministas, a miúdo silenciadas. Aínda campan por aí bestas escribentes, apóstolos da discriminación e a misoxinia, a cobrar de xornais históricos polo seu mal oficio. 

Máis alá no tempo, fica o episodio protagonizado pola miña nai e as súas numerosas curmás, que estaban a veranear coa súa avoa en Ribas Pequenas, no concello de Bóveda. Relatábanola cada vez que pasabamos a carón do viveiro chamado Os Trollos, camiño de Monforte. O tal viveiro xa existía cando ela era moza, non sei se co mesmo nome.

Seica unha tarde, cando camiñaban e rían felices por aquela estrada, detívose un camión e deron en baixar da súa caixa soldados a perseguilas e declarar a berros as súas pretensións e obscenidades non repetíbeis. Foi unha escena de película de terror, con momentos de gran dramatismo. Salvounas o matrimonio de gardiáns, refuxiándoas no antedito viveiro. 

Houbo denuncia con consecuencias. Non o agardaba o condutor, o culpábel, porque fixera a solta con impunidade ben máis veces. Vargas Llosa non ideara Pantaleón y las visitadoras: nin nacera.

Comentarios