Opinión

Os vellos que calen a boca

QUE O refraneiro é a miúdo falso e contraditorio, portador de prexuízos e de xeitos de vida que xa non están vixentes, é indiscutíbel. Mais aquel que di "do vello, o consello", habería que recordalo se non lle queremos facer á nosa historia unha emenda á totalidade.

O culto á xuventude, entendida esta como vigor e louzanía física, é unha constante nos nosos días. A tendencia da rapazada a pensar que está a descubrir América cando descobre algo novo para ela, é cousa de sempre. Do repetido "mantra" de estarmos diante da mocidade mellor formada da historia, que queren que lles diga? Verdadeiro ou falso, segundo o prisma con que se mire.

Motiva este artigo o que lin noutro xornal, asinado por unha escritora que non sei se é do BNG ou non, mais se arroga a capacidade de expresar o pensamento da súa portavoz, Ana Pontón. Dela di que non quere xerontocracia e, aproveitando que o Miño pasa por Lugo, arremete contra os que chama "vellas glorias do nacionalismo". Atribúelles o desexo de mangonear poderes orgánicos, de pontificar en longos artigos e equipara o seu papel ao de persoas maiores que inflúen noutros ámbitos da sociedade (academias, fundacións, asociacións, etc.).

Talvez o anuncio dun período de reflexión, por parte da líder nacionalista, lles faga concluír a algúns que o que pretende é ter carta branca para camiñar por outros vieiros. Imaxino -eu non vou falar no seu nome- que unha muller tan válida coma ela sabe ben canto importa conxugar a tradición e a innovación, a teoría e a práctica, a meta e o camiño. Non acredito, polo tanto, no pensamento que se lle adxudica. Oxalá que continúe no proxecto.

Tendo en conta a porcentaxe de persoas idosas que hai en Galiza, fornecedoras de maiorías polo tanto, non semella intelixente mandalas calar. Vén sendo outra forma do despotismo ilustrado: "Todo para os vellos, pero sen os vellos".

Dáse a circunstancia de que ser reaccionario ou reaccionaria non ten a ver coa idade. Abonda con observar o panorama e comprobar en que niño pousan moitos e moitas que baixan dos cincuenta.

Doutra banda, convén lembrar grandes personalidades e gobernantes ao longo da historia que xa tiñan o porvir ás costas, mais construíron futuro. A xuventude reside, sobre todo, na mente.

Claro que aí están as "influencers" cos seus millóns de seguidores e seguidoras, paradigma de modernidade, a fornecer, en moitos casos, os principios fundamentais da estupidez humana, esa que a idade non cura. Falaremos de "tontocracia"? Non, certamente. Non se pode xeneralizar.

E se non entendín o amentado artigo? Se cadra é porque son vella e a autora non. Así e todo, eu tamén fun nova.

Comentarios