Opinión

Mulleres de voz ronca

Hoxe amanecín coa voz ronca, como si me tivera pasado a noite bicando a homes nos bares e tomando licores entre boca e boca, por aquelo de borrar as pegadas duns beizos antes de pasar a outros, pero non, creo que o grave do meu timbre esta mañán débese as miñás ganas de parecerme a Carmela Silva, a voz máis rotunda da política mundial. Carmela súbese a un atril e di “somos fortes” e a nós todas empézanos a crecer un tronco polos pés, e debe ser iso, que unha rama de carballo vello e bravo se me quedóu atravesada no peito e chégame ata a gorxa. 

Onte a Presidenta da Deputación fixo de anfitriona nunha gala de entrega de premios a mulleres que traballan no audiovisual, guionistas, productoras, directoras, cámaras, todas elas Mulleres no foco, que foi un derroche de talento e de bon facer. Como dixo Arantxa Treus, a magnífica actriz que presentóu o acto, non é certo que as mulleres non se leven ben entre elas. De todas as falacias machistas esta é unha das que se leva a palma, ou mellor, a coroa de loureiro, esa que foi deseñada para as egrexias cabezas dos gregos mellor dotados. Como explicóu Inés París, presidenta de Cima, as mulleres non podían competir, e agora que xa poden o que case nunca poden é gañar, como demostran os palmarés de todo tipo de galardóns e as garabatasas nos foros que reúnen aos que mandan. 

 Ou logo non vistes unha imaxe da Toxa estes días? 

As gregas montaron os seus xogos paralelos, os Hereos, en honra á deusa Hera, que era moi de protexer á familia pero tamén tiña unha mala baba de coidado, como debe ser, e se aqueles xogos tiñan todo o sentido, dar espazos de visibilidade ás mulleres que aínda traballan en mundos masculinos, ou sexa, no mundo, segue a ser importante e necesario ou unha festa á que nos apetece asistir, aínda que só sexa para ver o ben que se poden facer as cousas con equipos entregados que teñen claro o que queren e traballan arreo para levalo a cabo. Cóbado con cóbado, man a man, Igualdade e Cultura, con ambición e ideas e empurre e entusiasmo e sentido do humor. Non hai revolución sen sentido do humor, alomenos ningunha que mereza a pena. 

Logo de escoitar e aplaudir e rir, e de cantar con Sés, para ser libre hai que ser unha mala muller, Susana e eu perseguimos a un camareiro guapo, Pedreira quería unha caña e eu un teléfono. Só un 50% da misión cumplíuse, e logo de tirar unha copa e esconder os pedazos baixo o mantel, saímos á rúa e a miña amiga e eu camiñamos acompasando os nosos pés. 

Comentarios