Opinión

A lacra da pobreza

Mentres menos de 100 persoas, as grandes familias do capitalismo corporativo, acumulen tanta riqueza como os máis de 3. 000 millóns de persoas pobres do planeta xuntas, nada haberá que facer 

A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN-ES) acaba de presentar o seu segundo informe sobre o mapa da pobreza extrema en España. E este documento, que leva o significativo título de ‘El paisaje del abandono’, conclúe que hai na farrapenta ‘pell de brau’ 4,5 millóns de persoas en situación de pobreza severa. Tres meses antes presentábase a Memoria Anual 2020 de Cáritas Española, e nela recoñecíase que o número de pobres en España ten aumentado en máis de 366 mil persoas só nun ano. É dicir, a exclusión social e a extrema pobreza viven e medran entre nós, formando parte xa dunha paisaxe crecente de abandono. Véxase, aos efectos, como o denominado índice de risco de pobreza ten pasado en Galicia dun 18,8% no ano 2018 ao actual 22,1% rexistrado en 2020. 600.000 persoas pobres, aquí e agora.

O filósofo alemán Thomas Pogge, no seu ensaio ‘A pobreza no mundo e os dereitos humanos’, conclúe que a maior parte do problema da pobreza podería solucionarse a través de modificacións menores na orde mundial que implicarían, como moito, "leves reducións nos ingresos dos máis ricos". O profesor Pogge, que é tamén catedrático de Filosofía Aplicada e Ética Pública na Universidade australiana Charles Sturt, non dubida en afirmar que a erradicación da pobreza é un deber de carácter ético e que non evitar tal estado de pobreza existente acaba sendo un crime.

¿Por que entón a actual civilización humana, a política democrática levada a cabo por diferentes gobernos e sancionada positivamente polos cidadáns que a lexitiman, non actúa de vez para que cese a violación sistemática dos dereitos humanos que se define como pobreza? É certo que existe unha Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostíbel, e acabar coa pobreza no mundo figura como o primeiro dos seus obxectivos. Mais nada indica, dadas as circunstancias, que isto vaia ser cumprido. Até o Banco Mundial recoñece, por exemplo, que existen na actualidade máis de 3.000 millóns de persoas pobres no mundo e que arredor de 1.200 millóns padecen pobreza extrema. Xulguen vostedes.

Mentres menos de 100 persoas, as grandes familias do capitalismo corporativo, acumulen tanta riqueza como os máis de 3.000 millóns de persoas pobres do planeta xuntas, nada haberá que facer. ¿Unha solución? Declárese a pobreza ilegal. Tal como foi declarada ilegal no seu día a escravitude.

Comentarios