Opinión

Contra Miguel Hernández

O analista Carlos Lareau fala da existencia en España dun "neofranquismo xenético", antropolóxico, asociado ás novas formas de censura actuantes

O Alcalde de Madrid, Martínez Almeida, e a concelleira de Cultura, Andrea Levy, decidiron eliminar as palabras que figuraban nas placas situadas no memorial do cemiterio da Almudena en homenaxe ás vítimas da represión franquista en Madrid. E de paso tamén borraron, suprimiron, extirparon un poema de Miguel Hernández que se podería ler nunha das láminas de mármore presentes no monumento cívico.

Comezan a ser altamente preocupantes os casos de censura e contra a liberdade de expresión que se multiplican, aquí e agora, por toda a pell de brau. E o certo é que a censura, sobre todo nos últimos tempos, chegou a se converter nunha especie de moda e a actuar en todos os ámbitos da sociedade. Alguén ten falado, como o analista Carlos Lareau, da existencia en España dun "neofranquismo xenético", antropolóxico, asociado ás novas formas de censura actuantes. En moitas das últimas sentenzas xudiciais a censura rebrilla no fondo das decisións sumariais. E velaí as campañas levadas a cabo contra o movemento LGTBI, as denuncias continuadas a humoristas e cantantes ou a persecución e prohibición de determinados símbolos ou mensaxes de contido democrático.

Vivimos, pois, nunha grande parte do Reino de España, entre formas de neofranquismo que, tomando as palabras do analista antes mencionado, deixou de ser conxuntural para se converter claramente en estrutural. ¿Acaso non perciben vostedes o xiro autoritario producido, en institucións autonómicas e concellos, dun tempo a esta parte, pola irrupción ou transformación de determinadas organizacións políticas de extrema dereita? Segue entre nós, implacábel, a Lei de Seguridade Cidadá de 2015 e seguen as modificacións no Código Penal que acabaron denominándose lei mordaza.

¿E no caso contra Miguel Hernández, poeta preso e falecido (deixado morrer) no cárcere franquista e unha das grandes voces poéticas e literarias, tal vez das máis estremecedoras, do século XX? O aparello represor franquista perseguiu a súa obra con máis de 100 expedientes de censura, eliminando poemas totalmente ou borrando estrofas dos mesmos. E agora vén o Concello de Madrid de Almeida e de Levy, apoiado pola extrema dereita literariamente indouta e ignorante, e censura de novo un poema do gran Miguel Hernández. ¿Acaso non supón isto unha ofensa gravísima á cultura? A desvergoña e a indecencia non teñen límites. E hoxe cabalgan desbocadas.

Comentarios