Opinión

Educación desestimada

CATRO SINDICATOS, diante da falta dun plan seguro para alumnos e profesores días antes do regreso ás aulas (pandemia vixente), convocan en Madrid unha folga do profesorado co obxectivo, en primeira instancia, de chegaren a un acordo coa administración autonómica, aínda que non descartan levar a cabo unha folga indefinida. O apoio a esta medida de presión escolar chega a atinxir un 80%.

Diante do inicio do novo curso académico, a percepción xeral, e en moitos casos os datos obxectivos, indican que a educación non está en primeira liña de importancia por parte dos poderes político-educativos, demostrándose así non só un desleixo notábel no que atinxe á materia senón tamén unha certa visión administrativa existente sobre o valor e a «inutilidade» da educación académica, unida esta a unha falta de interese real, o que é gravísimo, sobre a seguridade sanitaria de profesores e alumnos. Atrás fica, negada, porque normalmente non se ten conta, a consideración que sinalaba Nuccio Ordine sobre o ensino educativo como parte constitutiva do líquido amniótico ideal no que as ideas de democracia, liberdade, xustiza, laicidade, igualdade, dereito á crítica, tolerancia e ben común poden e deben experimentar para a creación dun vigoroso desenvolvemento humano e social.

Ordine tamén nos lembra o discurso de Victor Hugo pronunciado na Asemblea Constituínte francesa de 1848, hoxe pura actualidade, cando a potenciación do ensino público é absolutamente necesaria, xusto para evitar que a sociedade pandémica caia, como advirten os profesores Rey Rocha e Muñoz Ruiz, no abismo da ignorancia. Tal como exclamaba, non sen indignación, o autor de ‘Os miserábeis’: «Cal é o gran perigo da situación actual? A ignorancia. Aínda máis que a miseria (...) Os gobernos e as institucións do ensino teñen como obxectivo expreso «perseguir, combater e destruír a ignorancia».

¿E que lugar ocupa realmente a organización educativa, no fondo e na forma, na axenda política dentro do estado de cousas provocado pola Covid-19? Pouco e, nalgúns casos, nada. A calidade da educación, a preocupación pola cultura e o apoio á ciencia e á investigación, pouco ou ningún predicamento teñen entre nós. ¿Lembran vostedes a ausencia da educación (xa non digamos da cultura), con mínimas excepcións, nas recentes campañas electorais vascas e galegas? A incerteza sobre a educación segue a medrar día a día.

Comentarios