Opinión

O Iemen e a humanidade

Se non se para a guerra e non se asiste humanitariamente ao Iemen con urxencia, a comunidade internacional ficará manchada, lixada, durante décadas

Acábase de saber que a denominada "comunidade internacional", convocada pola Onu, rebaixou a axuda humanitaria destinada ao Iemen en cifras moi inferiores ao acordado nos anos 2019 e 2020, sendo así que os países doantes comprométense só a entregar 1.700 millóns de dólares, moi por debaixo dos 3.850 millóns que Nacións Unidas solicitaba con urxencia, dada a situación de extrema gravidade que vive na actualidade o pobo iemení. Porque hai que lembrar que a día de hoxe máis de 22 millóns de cidadáns iemenís (arredor do 75% da poboación) precisan axuda humanitaria urxente e máis de 17 millóns sofren inseguranza alimentar e fame extrema.

O Iemen, convén lembralo, é o país máis pobre da Península Arábiga e do Oriente Próximo, e dende hai 6 anos vive unha guerra interna ou civil apoiada, nun dos seus bandos, por Arabia Saudita e outros países árabes, que contan con importante axuda dos EE UU, Reino Unido e Francia. Non temos aquí espazo para analizar como xorde o conflito e como se desenvolveu até agora. Mais o certo é que o Consello de Dereitos Humanos da Onu ten denunciado que a poboación civil do país ten sido vítima de "implacábeis violacións da lei humanitaria internacional", que a malnutrición aguda severa ameaza agora mesmo a vida de medio millón de nenos menores de 5 anos e que a situación arestora ben pode ser descrita como o peor desastre humanitario causado pola especie humana no planeta.

O Iemen, a día de hoxe é o inferno de Dante feito realidade na terra, e configúrase tamén como unha vergoña e unha indecencia máxima por parte das democracias occidentais que permiten o xenocidio lento e continuado do pobo iemení. España, sen irmos máis lonxe, facturou o ano pasado 2.000 millóns de euros en armas destinadas á guerra do Iemen, un armamento vendido directamente a Arabia, que é a principal causante do conflito bélico. É dicir, países democráticos venden armas a criminais de guerra que masacran civís no que un día foi a Arabia Felix, o antigo Reino de Saba. ¿Resulta isto propio de administracións e gobernos civilizados?

Se non se para a guerra e non se asiste humanitariamente ao Iemen con urxencia, a comunidade internacional ficará manchada, lixada, durante décadas. E xusto agora só cabe unha esperanza: Joe Biden, cando escribo a última liña deste artigo, disque prometeu acabar coa guerra e resolver a maior crise humanitaria do mundo. Veremos. 

Comentarios