Opinión

Letras Galegas

Tivo lugar onte, 17 de maio, a celebración do denominado Día das Letras Galegas, unha festividade que se puxo en marcha no ano 1963 por parte da Real Academia Galega para solemnizar o centenario da primeira edición dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro e, xa con carácter anual, para facer visíbel o “latexo material da actividade intelectual galega”, en palabras propias dos tres académicos promotores da data, Xesús Ferro Couselo, Fernández del Riego e Manuel Gómez Román. Onte a Academia celebrou a figura de Antón Fraguas, non propiamente un literato, mais si un antropólogo, etnógrafo e xeógrafo altamente recoñecido no universo de noso, e todo un paradigma de galeguismo —foi no seu día secretario xeral do Partido Galeguista— e de compromiso real a través do seu pensamento e da súa obra co seu país.

Van alá 57 edicións do Día das Letras Galegas e a celebración da Academia Galega cumpriu perfectamente a súa función no tempo, e en certa maneira segue a cumprila hoxe, aínda que a negativa da entidade a recoñecer a figura, inmensa e necesaria, de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) perturba a unha boa parte da sociedade galega e “escurece”, ao meu ver, a propia institución.

Van alá 57 edicións do Día das Letras Galegas e a celebración da Academia Galega cumpriu perfectamente a súa función no tempo e segue a cumprila

Outra cousa, máis alá da Academia, son, en realidade, as Letras Galegas, a Literatura Galega. Nun país que non chega aos 3 millóns de habitantes, existe, fixada na historia e contra vento e maré na actualidade, furando cara ao futuro como unha toupa lúcida, unha Literatura en todos os xéneros que é o máis grande latexo material de actividade intelectual e artística que Galicia lle pode ofrecer ao mundo. A Literatura Galega medieval xa é en si mesma un tesouro universal, e as Letras Galegas actuais, herdeiras dun vizoso século XX literario, tras o rexurdimento extraordinario do XIX, son unha realidade —véxase ben aí a poesía galega contemporánea— recoñecida internacionalmente. A poesía e a narrativa que hoxe se escriben no noso país están no plano estético á altura de calquera creación literaria europea. As Letras Galegas no seu conxunto afirman e confirman o idioma (pai e nai do portugués, por certo) dunha das realidades nacionais máis antigas de Europa. 

E xa vai sendo hora, en pleno século XXI, de crearmos o Instituto Rosalía de Castro para proxectar as Letras Galegas no mundo, porque é unha débeda e unha obriga que temos coa nosa historia e coa nosa identidade.

Comentarios