Opinión

Precariedade sanitaria

En plena segunda fase dunha pandemia que trae máis sufrimento e morte, a mellora nas condicións dos traballadores da sanidade salva vidas
Sanitarios en la Uci de un hospital. RAQUEL MANZANARES (EFE)
photo_camera Sanitarios nunha Uci. ARQUIVO

NUN INFORME recente, realizado pola Agrupación Sanitaria Española, revélase que Galicia, Andalucía e Madrid son as comunidades autónomas con maior índice de contratos temporais entre os seus sanitarios. E é ben certo que médicos, enfermeiras e persoal de asistencia socio sanitaria do noso país levan máis dunha década denunciando, con datos na man, que a precariedade sanitaria en Galicia xa forma parte ‘natural’ (véxase a ironía) do sistema de saúde galego, sexa a través da fórmula crecente dos contratos diarios ou da imposibilidade de conciliar a vida profesional e a familiar.

O certo é que o estado de precariedade sanitaria faise aínda máis evidente nas circunstancias de pandemia que vivimos, e non só no que afecta directamente aos casos, expresos e crecentes, de covid-19, senón tamén a todo tipo de enfermidades e problemas médicos que experimentan, sen pausa, os cidadáns. A precariedade sanitaria é un problema que non só afecta aos profesionais sanitarios en xeral —aínda que a eles lles trastorne seriamente a vida—, pois atinxe tamén aos usuarios da sanidade, aos doentes, e á sociedade no seu conxunto, converténdose nun verdadeiro obstáculo á hora de fixar os índices mínimos de satisfacción e a calidade dunha sanidade ofertada ao público.

¿Acaso os servizos de atención á saúde non forman parte —a sanidade pública en primeira instancia— dunha política sanitaria producida e dirixida pola Administración? A atención sanitaria, alén dunha decisión política, é un compromiso de carácter fondamente moral, e social, pois trátase da busca do máximo ben para os seres humanos con problemas de saúde, incluíndomos aquí as necesarias accións preventivas, esas que tanto se achan de menos na actual e terríbel pandemia. A saúde é un dereito humano fundamental e a precariedade sanitaria e as desigualdades existentes no tratamento á poboación, tamén derivadas desa precariedade, resultan francamente inaceptábeis nunha sociedade democrática.

Acabar coa precariedade sanitaria e pór a sanidade pública por riba de todo, salva vidas. En plena segunda fase dunha pandemia que trae máis sufrimento e morte, a mellora nas condicións salariais e laborais dos traballadores da sanidade, salva vidas. Expulsar o talento médico e sanitario profesional —o Estado español faino: véxanse os contratos lixo ao efecto— só trae o averno, como se nada fora con nós e entre nós.

Comentarios